Os proxectos de rehabilitación no sector da construción tanto na provincia de Pontevedra como en Galicia están a ter unha importancia notable neste 2023. Manuel Rañó, presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo), asegura que a rehabilitación representa un 70% dos proxectos no segundo trimestre do ano, mentres que no primeiro equivalían ao 65% do total.
"Están a dinamizar o sector, están a xerar moita actividade", afirma o representante do Coatpo sinalando que "a rehabilitación está a tirar da construción".
Sinala que as axudas públicas dos fondos Next Generation están a ser "estratéxicas" e, por este motivo, Manuel Rañó demanda ás Administracións públicas "simplificar e facilitar os trámites da normativa que regula as axudas de eficiencia enerxética en vivendas para así garantir a súa máxima execución en tempo e forma". Lembra que estes fondos europeos ofrecen "unha oportunidade única para a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia, que na súa maioría precisa dunha posta ao día; pero necesitamos que esas axudas sexan suficientes para atender as solicitudes e flúan con axilidade".
Segundo os datos facilitados polo Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra na primeira metade de 2023 rexistráronse 477 expedientes cun orzamento de 84 millóns de euros. A rehabilitación equivale ao 67% dos expedientes, mentres que a obra nova e reformas ceden un 3,2% mentres que o Orzamento de Execución Material crece un 21,7% de xaneiro a xuño deste ano.
Manuel Rañó: "será un bo ano para o sector"
En todo caso, o presidente Rañó insiste en que 2023 "será un bo ano para o sector", a pesar do incremento do prezo dos materiais, da falta de man de obra cualificada ou a alza de tipos de interese. O número de expedientes de obras no que levamos de ano "sofre unha baixada, pero os orzamentos están a crecer", lembra o representante dos aparelladores da provincia e explica que o persoal colexiado traslada que contan con proxectos en carteira tanto a medio como a curto prazo.