Manuel Campos, actual alcalde de Cuntis, encheu de público o Centro Social Patelas na súa presentación como candidato socialista ás próximas eleccións municipais.
No acto estivo acompañado pola presidenta da Deputación de Pontevedra e do PSdeG, Carmela Silva, e polo secretario xeral do partido en Pontevedra e delegado do Consorcio Zona Franca, David Regades.
A presentación centrouse nos cambios rexistrados no municipio a través do proxecto socialista. Campos explicou os avances en relación coa modernización e humanización da vila coa mellora de estradas municipais e provinciais. Tamén destacou o desenvolvemento de políticas sociais de axuda a familias con emerxencias, a creación de parques infantís, defensa do patrimonio, roteiros de sendeerismo, entre outros aspectos da súa xestión.
De fronte ao próximo mandato anunciou o desenvolvemento empresarial do polígono industrial da Ran co apoio da Deputación Provincial. A presidenta Carmela Silva destacaba a perseveranza de Manuel Campos por atopar o programa para mellorar o trazado das vías e desenvolver esta área.
Regades tamén subliñaba o traballo de Campos para consolidar a área industrial cun convenio entre SEPE, Zona Franca e Concello cun investimento superior aos seis millóns de euros.
O candidato socialista tamén insistiu en que, nos próximos anos, quere poñer en marcha os proxectos relacionados coa residencia de maiores ou a finalización dos servizos no rural.