Manuel Cabada, acompañado da murga PTV, pregoeiro do Entroido de Pontevedra

Pontevedra
17 de febreiro 2017

O Entroido pontevedrés xa ten quen o pregoe. E será unha das persoas máis vinculadas con esta festa: o empresario Manuel Cabada, impulsor -xunto con máis xente- dalgunhas das citas máis emblemáticas do entroido como o enterro do Ravachol ou o concurso de charangas. Acompañaralle nesta responsabilidade a súa actual formación, a murga PTV

Manuel Cabada, pregoeiro do Entroido 2017
Manuel Cabada, pregoeiro do Entroido 2017 / Mónica Patxot

O Entroido pontevedrés xa ten quen o pregoe. E será unha das persoas máis vinculadas con esta festa: o empresario Manuel Cabada, impulsor -xunto con máis xente- dalgunhas das citas máis emblemáticas do entroido como o enterro do Ravachol ou o concurso de charangas. Acompañaralle nesta responsabilidade a súa actual formación, a murga PTV.

"É unha honra moi grande para min e para o meu grupo", explicou Cabada na súa presentación como pregoeiro, na que estivo acompañado pola concelleira de Festas, Carme da Silva, que destacou que leva "toda a súa vida" moi ligado ao entroido de Pontevedra, especialmente desde que saltou das discotecas á rúa.

A elección de Manuel Cabada segue a liña iniciada hai anos de "recoñecer" a entidades e grupos de persoas que co seu traballo desinteresado axudan a que o de Pontevedra sexa o entroido urbano "máis importante de Galicia", segundo Da Silva.

O flamante pregoeiro, que se presentou vestido cunha chaqueta e unha camelia na lapela -en recordo de Antonio Odriozola- recoñeceu que para el o entroido é "moi especial" desde que era un neno. Cabada explicou os seus primeiros anos nas festas que se organizaban no antigo cinema Coliseum ou nas discotecas Shiva, Equus, Atlántida ou Daniel.

Nelas, "nós sempre gañábamos algo porque os propietarios sabían que había un efecto retorno, que gastábamolo todo en copas despois", desvelou entre risas.

Manuel Cabada foi un dos estreitos colaboradores que tivo José Víctor González, coñecido como Pepe Shiva, considerado por moitos como o pai do entroido en Pontevedra. Iniciou con el a aventura de que, en 1984, a festa se trasladase á rúa. Ese ano caracterizouse como Odriozola nun primeiro desfile que foi unha experiencia "moi emotiva".

A partir de aí veu a súa participación en Juno, a primeira comparsa que houbo en Pontevedra, e os dez anos noutra formación, Sibaritas, aínda lembrada na cidade. Ademais, colaborou na confección do loro Ravachol nos seus inicios, creando a tradición do seu enterro, e puxo o seu gran de area no nacemento do concurso de murgas, que este ano cumpre o seu 25 aniversario.

"Facendo o loro compoñiamos cancións e cantabamos", explicou o pregoeiro, polo que xunto con Pepe Shiva e o "sumo sacerdote" de Sibaritas, Juan Gómez Corpo, propuxeron crear un concurso que, ata a data, gañaron en doce ocasións.

Iso si, recoñece que lle gustaría "dar unha volta" a este evento. Entende que Pontevedra debería atraer a murgas doutras localidades galegas, especialmente do Salnés e O Morrazo, para "abrir máis" o concurso e que se converta en todo un referente do entroido galego como xa o é, dixo, o desfile porque "non hai outro con tanta participación e alegría".

A pesar desta traxectoria, este entroido supoñerá para Manuel Cabada e a súa murga PTV un novo fito. Participarán por vez primeira na Mostra da Parodia. A súa proposta situarase nas escaleiras do Liceo Casino e chamarase "A familia irreal". Promete "moitas risas" polo que animou aos pontevedreses a que "non o perdan".

O pregón, que cambia de escenario e trasladarase á praza da Ferrería, será o vindeiro venres 24 de febreiro a partir das nove da noite.

Arquivado en