A Deputación de Pontevedra manterá en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria (CCC) directamente dependentes do Plan Revitaliza.
Segundo explicou este luns o vicepresidente César Mosquera, a pesares da crise sanitaria do COVID-19, o tratamento de residuos considérase un servizo básico, polo que as instalacións do Revitaliza serán atendidas por equipas de mestres composteiros co fin de garantir a súa correcta actividade.
Así mesmo, dende a Deputación garántese á cidadanía a seguridade do modelo incluso por riba dos sistemas tradicionais.
Os centros de compostaxe comunitaria que se manteñen en activo son os pertencentes aos concellos que están en Liña-1 (fase demostrativa) que non teñan mestres composteiros propios, e os que están en Liña-2 (implantación extensiva da compostaxe) de nova incorporación que non teñan mestres composteiros propios, así como aos veteranos. Estarán atendidos pola Deputación un total de 80 CCC.
No caso de concellos nos que haxa composteiros comunitarios, mais non dependentes da Deputación, como é o caso de Pontevedra, o consello do persoal técnico provincial é que as administracións responsables os manteñan abertos e atendidos para seguir garantindo o servizo á poboación aínda que sexa con servizos mínimos.
Tanto o asesor de residuos Carlos Pérez como o propio vicepresidente César Mosquera garantiron a seguridade da compostaxe para a veciñanza. O técnico destacou que polas características propias do proceso de compostaxe calquera virus ou outro patóxeno presente nos residuos a tratar é eliminado e hixienizado.
"Os virus non soportan temperaturas maiores de 42º xa que nesas condicións morren. No caso dos centros de compostaxe alcánzanse temperaturas maiores a 55º e sostidas no tempo, polo que a posibilidade de infección directa é prácticamente nula", explicou Pérez.
Mosquera destacou, pola súa parte, que se existe un sistema con menos posibilidades de contaxio é a compostaxe, incluso por riba dos sistemas tradicionais. "Se o lixo vén dunha persoa que poida estar infectada, o proceso da compostaxe hixienízao, o que é mellor que que os residuos estean en bolsas a temperatura ambiente", subliñou.
En calquera caso, seguindo os protocolos de prevención, e co fin de evitar posibles contaminacións cruzadas na manipulación de obxectos, todo o persoal tomará precaucións mantendo sempre as mans cubertas para realizar as súas tarefas. Na mesma liña, tal e como rexe na utilización de elementos comúns, ás persoas usuarias recoméndaselle a utilización de luvas para abrir e pechar as tapas dos composteiros e do estruturante.