Mandís pola igualdade para chamar á folga feminista do 8M desde as xanelas de Poio

Poio
27 de febreiro 2019

Pezas de roupa doadas por mulleres de Poio estarán colgadas arredor da praza da Chousa para sumarse ás reivindicacións feministas. A Asemblea Feminista Armadiña tamén colgará por Combarro frases de mulleres recoñecidas ao longo da historia e chama á mobilización en Pontevedra

Concentración de repulsa polo intento de agresión sexual no Armadiña Rock
Concentración de repulsa polo intento de agresión sexual no Armadiña Rock / Paula Sanmartin

A praza da Chousa de Combarro aparecerá o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller e xornada de folga de mulleres, decorada con mandís. Trátase de pezas de roupa que foron doadas por mulleres de Poio e que estarán arredor de toda a praza para sumarse ás reivindicacións feministas deste día no que a poboación feminina está chamada a parar nas súas actividades diarias. 

A iniciativa parte da Asemblea Feminista Armadiña, integrada na plataforma Galegas8M. Para completar esa imaxe que inundará a praza central de Combarro, fan un chamamento a todas as veciñas de Poio para que elas tamén colguen os seus mandís nas xanelas o día 8, facendo saber que tamén secundan a folga.

A Asemblea Feminista Armadiña tamén colgará frases de mulleres recoñecidas ao longo da historia por toda a vila de Combarro para animar á mobilización feminista. 

O propio día 8 de marzo, as mulleres de Poio decidiron sumarse á concentración e a manifestación sen siglas organizadas por Galegas 8M en Pontevedra. Pola mañá acudirán á concentración prevista ás 13.00 horas na Praza da Ferrería e pola tarde estarán na manifestación que sae ás 20.00 horas do Hospital Provincial.

Ademais, o día 3 de marzo desprazaranse ata Lugo para participar á manifestación unitaria convocada a nivel de toda Galicia por Galegas 8M. As persoas que queiran sumarse teñen á súa disposición un autobús facilitado polo Concello de Poio que xestiona a Asemblea Feminista Armadiña. 

Este colectivo de Poio está integrado na a Asemblea Galegas 8M, que se formou en decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e traballar nun Día das Mulleres a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo posible. Esta asemblea está formada por decenas de colectivos, plataformas e organizacións feministas e mulleres a título individual e ten carácter itinerante, realizando as súas xuntanzas en distintos puntos da xeografía do país.