'Son minoría, pero fanse notar'. Con este lema, unha trintena de mulleres fixeron unha "mancha violeta" na praza da Ferrería de Pontevedra para poñer o foco sobre un colectivo que moitas veces pasa desapercibido, o das alumnas que estudan Formación Profesional en especialidades habitualmente masculinizadas como cociña, servizos en restauración, panadería, automoción, electrónica, madeira ou xardinería.
Trátase de alumnas dos centros CIFP A Xunqueira, IES Montecelo e CIFP Carlos Oroza, que imparten estas especialidades de FP en Pontevedra, e as súas profesoras. En total, unha trintena de mulleres que, nunha sociedade cargada de estereotipos, queren reivindicar o seu papel e que todas serán unhas profesionais como os seus compañeiros de ciclo e, polo tanto, merecerán que se lles dean as mesmas condicións e oportunidades.
As estudantes vestiron este mércores de morado e violeta para reivindicar a igualdade no seu futuro profesional e, acompañadas por pancartas reivindicativas, fixeron una "mancha violeta" na praza con mensaxes como "Igualdade", "Educación en igualdade = Futuro profesional en igualdade", "As mulleres podemos con todo", "Formámonos para un futuro profesional en igualdade" ou "Somos estudantes competentes, e seremos profesionais competentes".
A pancarta que mellor resume as súas reivindicacións é unha que rezaba "Formámonos nas mesmas condicións no presente, loitamos polas mesmas condicións para o futuro", pois queren visibilizar non só que moitos estudantes elixen un ciclo formativo orientados por estereotipos, senón tamén que nalgúns ciclos nos que hai unha porcentaxe elevada de mulleres, cando chega a hora de buscar un traballo, son os homes os que o logran primeiro ou en mellores condicións.
Ana Sánchez, vicedirectora de A Xunqueira explicou que das catro familias profesionais nas que imparten formación neste centro, tres están masculinizadas e, dos seus 350 estudantes, tan só 26 son mulleres. Atribúe esta situación aos estereotipos que fan que aínda resulte raro ver unha mecánica muller e tamén a que a Formación Profesional foi "tradicionalmente masculina".
Ademais, lamenta que hai poucas profesoras mulleres e iso tamén dificulta a normalización da presenza feminina nestas especialidades. Dos 40 profesores do centro, nestas tres especialidades (automoción, electrónica e madeira) tan só hai seis mulleres.
Mar Gómez, orientadora do IES Montecelo destacou que hai especialidades como as sanitarias nas que hai máis mulleres e outras como as artes gráficas nas que a presenza masculina é do 80%, unha evidencia deses estereotipos que seguen a marcar a elección dun ciclo ou outro. No seu centro, por exemplo, en once anos non houbo ningunha alumna na especialidade de mecánica, en peiteado adoita haber cada ano só un ou dous homes e en xardinería hai 25 estudantes, tan só 4 mulleres.
Esta docente pon o foco sobre o feito de que nas FP básicas si hai máis mulleres, como sucede en farmacia ou peiteado, pero nas de ciclo medio a porcentaxe é minoritaria.
O mesmo sucede no CIFP Carlos Oroza, centro do que acudiron a este acto reivindicativo un grupo de alumnas de cociña, servizos en restauración e panadería. Desde este centro destacan que detectaron que mentres que no ciclo de panadería e repostería a maioría das alumnas son mulleres, á hora de traballar nos obradores, as oportunidades non son as mesmas e apenas hai mulleres. O mesmo sucede, por exemplo, en cociña, onde a porcentaxe de alumnado é 60-40 e, á hora de traballar, apenas hai mulleres.