¡Mamma mia! Os fans do Super Mario xuntáronse na Casa Rosada

Poio
24 de abril 2023

A competición virtual foi organizada pola Asociación Gaming Troop

Torneo Super Smash Bros na Casa Rosada
Torneo Super Smash Bros na Casa Rosada / Concello de Poio

A Casa Rosada acolleu o pasado sábado, 22 de abril, a segunda edición do Torneo Súper Smash Bros, organizado pola Asociación Gaming Troop, en colaboración co Concello de Poio. 

Ao igual que na cita do ano pasado, o evento resultou todo un éxito de participación, xa que foron máis de 70 as persoas que se achegaron ata as dependencias da Casa Rosada para presenciar a evolución da proba, na que tomaron parte preto de medio cento de mozos. 

Entre os competidores figuraban rapaces de toda Galicia, chegados desde cidades como A Coruña, Vigo ou Ferrol, así como da propia contorna da provincia de Pontevedra. A organización repartiu 300 euros en premios en metálico entre os primeiros clasificados. Ademais, tamén espertou unha grande expectación o punto informativo habilitado na Casa Rosada sobre o mundo virtual, no cal os monitores achegaron información sobre este eido.

Cómpre lembrar que o torneo estaba dirixido a persoas maiores de 13 anos e que tamén ofrecía como aliciente o feito de que os postos, segundo foi avanzando a competición, quedaron abertos. Deste xeito, moitas persoas que se achegaron ata a Casa Rosada puideron probar o videoxogo libremente, unha vez se ían producindo as primeiras eliminacións.

CURSO DE MONITOR DE TEMPO LIBRE

Xa está aberto o prazo de inscrición para poder participar no curso oficial de monitor de tempo libre, que dará comezo o vindeiro 12 de maio e que se estenderá ata o 9 de xullo. Serán 300 horas de formación en total (200 teóricas e 150 de carácter práctico), a desenvolver na Finca de Besada. 

O horario será os venres de 16.00 a 20.00 horas, e os sábados e domingos de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 15.00 a 20.00 horas polas tardes. O prezo da inscrición é de 150 euros, ao ser un curso subvencionado de xeito parcial polo Concello.

As anotacións poderán realizarse ata o vindeiro venres 5 de maio, inclusive. As xestións poden tramitarse chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico á dirección [email protected].