Malestar veciñal pola falta de pasos de peóns na nova Rolda Leste

Pontevedra
10 de outubro 2019

"Dinnos continuamente que os peóns teñen prioridade e preguntámonos onde está aquí esa prioridade", sinalaron os afectados, que se concentraron na rotonda que dá acceso á zona do Albeiro (Marcón) e ao barrio da Parda por Pintor Laxeiro

Protesta veciñal pola falta de pasos de peóns na Rolda Leste
Protesta veciñal pola falta de pasos de peóns na Rolda Leste / PontevedraViva

A ansiada Rolda Leste, o novo vial que une a PO-542 co novo acceso a Montecelo, non tivo unha estrea tranquila. Unha trintena de veciños mostraron o seu malestar pola ausencia de pasos de peóns durante todo o trazado.

"Dinnos continuamente que os peóns teñen prioridade e preguntámonos onde está aquí esa prioridade", sinalaron os afectados, que se concentraron na rotonda que dá acceso á zona do Albeiro (Marcón) e ao barrio da Parda por Pintor Laxeiro.

Os veciños, visiblemente enfadados, chegaron mesmo a interromper o tráfico na recentemente aberta Rolda Leste, provocando os primeiros atascos no vial.

Aseguran que "non temos por onde cruzar" e que, ante a falta de pasos de peóns, "quedamos illados" de Pontevedra cando, moitos destes veciños, están asignados ao centro de saúde da Parda e están afeitos ir andando.

"Eu teño unha neta en cadeira de rodas que estuda en Pontevedra e non hai por onde pasar. Cando a atropelen logo virán as lamentacións", explicou outro dos afectados, que lamenta que "agora resulta que temos que usar o coche".

Os residentes en ambos os lados da Rolda Leste sinalaron que "o único que queremos" é que algún responsable político "con sentido común" lles expliquen por que non se colocaron pasos de peóns. "Que dean a cara e se comprometan a que os van a facer", engaden.

"Non é máis nada que iso. Non protestamos por nada máis", reiteran os veciños, a pesar de que tamén alertan que a senda peonil e ciclista "durará un ano" porque o seu pavimento non é o máis adecuado para soportar as choivas do inverno galego.

A protesta produciuse a uns 500 metros do lugar onde se realizou o acto de apertura da Rolda Leste, punto de encontro que se cambiou a última hora xa que inicialmente se ía a celebrar xusto onde se concentraron os veciños.

Arquivado en