O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio esixe A Portos de Galicia que aclare as razóns polas que se procedeu a pechar a explanada próxima ao peirao da Canteira, en Combarro.
Este espazo non poderá ser utilizado como aparcadoiro, o que provocará a supresión dun gran número de prazas de estacionamento en pleno verán.
O voceiro socialista, Gregorio Agís, referiuse á primeira explicación dada polo ente autonómico, que argumenta que precisa deste espazo para o desenvolvemento das obras do emisario da ría de Pontevedra. "De ser así, entendemos que en Marín hai unha maior extensión e espazo libre para acometer esos acopios e traballos, é necesario que a Xunta de Galicia aclare a razón pola cal se fai en Combarro que é un espazo máis reducido", sinalou Agís.
Desde o PSOE entenden que a actuación é necesaria para acometer o saneamento da ría de Pontevedra, pero lamentan que se tome esta medida ao comezo do verán, "cando máis se precisan os estacionamentos en Combarro. Por iso, non estaría de máis que se nos aclarase a razón pola que esta medida se aplica en pleno verán", sinalan os socialistas, "como mal menor deberían deixar pasar o verán e pechar o estacionamento despois do verán evitando o grave dano que se fai ao entorno" engade Agis.
Igualmente dende o grupo municipal de Avante Poio, a concelleira Silvia Díaz manifestou que "o que está acontecendo no muelle da Canteira en Combarro é moi grave, vai supoñer o estrangulamento da vila máis visitada de Galicia, en plena tempada de verán".
"Resulta inconcebible e é unha agresión directa ao noso municipio e é un ataque manifesto aos intereses dos nosos veciños e veciñas" e advirte de que "vaise causar un trastorno tremendo" a todo o municipio "xa sen entrar a valorar as implicacións que vai a ter no tránsito da PO 308 neste tramo".
Por este motivo, tamén insta a Portos de Galicia a que reconsidere a súa decisión e que "que como mínimo se replantee a planificación temporal do período no que vai executar as obras".
MERCADO NO PASEO DE LOURIDO
Por outra banda, a Avenida da Praia de Lourido acollerá o vindeiro domingo, 3 de xullo, a iniciativa "Un mercado en cada porto", que traerá ata Poio un total de 15 postos de artesanía galega, con produtos elaborados por mulleres.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez deu a coñecer os detalles desta cita, coa que se busca "poñer en valor o labor das nosas artesás e creativas, ao tempo que se lle dá visibilidade ao traballo tradicional e o patrimonio do país".
Estes postos estarán operativos desde as 11.00 ata as 20.00 horas do domingo, nas inmediacións do aparcadoiro.