Malestar entre os policías locais de Sanxenxo pola falta de medidas de protección

Sanxenxo
17 de marzo 2020

Estes policías quéixanse que "non se están priorizando os servizos" e isto conleva que ao estar permanente en contacto cos cidadáns se exponlles a "un escenario intenso de  contagios do coronavirus"

Policía Local de Sanxenxo
Policía Local de Sanxenxo

Os axentes da Policía Local de  Saxenxo, teñen un "profundo malestar" coa "falta de medidas de prevención" e polo "incumprimento dos protocolos" decretados tanto pola Administración do Estado como pola Xunta de Galicia con motivo da pandemia do coronavirus.

Segundo denunciou Xosé Luís García Pedrosa, secretario de Organización de Comisións Obreiras, aos axentes municipais de Sanxenxo "non se lles dotou dos medios suficientes, e os poucos cos que contan non cumpren a normativa".

Estes policías quéixanse que "non se están priorizando os servizos" e isto conleva que ao estar permanente en contacto cos cidadáns se exponlles a "un escenario intenso de  contagios do coronavirus".

Como exemplo explica este sindicato que nesta situación aos policías "ordénaselles a realización de traballos absolutamente innecesarios" como facer empadroamentos e informes, como se lles requiriu a unha patrulla o domingo pola tarde, aproveitando que a xente se atopa recluída no seu domicilio, polo que están a correr riscos innecesarios.

Os delegados do persoal funcionario do Sanxenxo de CC.OO. fixéronlle chegar as súas queixas ao alcalde Telmo Martín sobre o que estaba a suceder internamente, para tratar de garantir en todo momento a saúde laboral dos traballadores; así mesmo entregáronlle por escrito as medidas preventivas que esixen os protocolos e normas ditadas polas autoridades competentes para que se fagan cumprir, e que elabore unha instrución para concretar as pautas para seguir como xa fixeron tanto na Policía Nacional como na Garda Civil.

García Pedrosa sinala que "entre o persoal tamén existe o temor de contaxio internamente e o traspaso ás súas familias, posto que os vehículos cámbianse entre patrullas e sen limpar, polo cal se solicitou que patrullen os mesmos axentes das distintas quendas co mesmo vehículo policial e tanto ao incorporarse como ao finalizar sexa limpado".