A asociación de veciños Santo Paio manifesta o seu malestar pola forma na que se desenvolveu a súa última manifestación contra o proxecto da variante de Alba, pois tras denegarlle en anteriores ocasiones permisos para sacar a súa protesta á estrada, nesta ocasión si tiñan autorización para circular polos dous carrís da estrada de Vilagarcía e atopáronse con dificultades para poder realizar o percorrido autorizado.
Os afectados aseguran que son "xente civilizada defendendo uns intereses que cremos están a vulnerarnos" e están "indignados coas formas"porque "parece que sempre nos queren boicotear as manifestacións".
Os manifestantes explican que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, despois de contactar con Trafico, autorizoulles unha manifestación para este pasado venres 23 de agosto e para o 6 de setembro para manifestarse polo carril dereito da estrada sentido Vilagarcía ata a rotonda de unión da PO-531 coa VG-4.8 (a coñecida como Variante de Poio) e dar a volta ata punto de inicio polo carril esquerdo en sentido
Pontevedra.
A pesar diso, sosteñen que o axente da Garda Civil responsable do operativo de tráfico posto en marcha con motivo da manifestación comunicoulles que deberían ir só por un carril, como nas anteriores ocasións. Segundo aseguran, mostráronlles a autorización da Subdelegación e, tras case 45 minutos, o tempo que tardou en falar cun superior, permitíronlles saír á estrada.
Aseguran que pese ao malestar, en ningún momento os manifestantes desobedeceron ou se saltaron o percorrido, sempre se axustaron ao carril concedido. Recoñecen que houbo un momento no que non sabían como tiñan que actuar e foi ao chegar á rotonda, pero seguiron as indicacións da Garda Civil.
A asociación veciñal explica que non lles gustou que a Garda Civil foi dando paso aos vehículos que se dirixían cara a Villagarcía e que circulaban "un pouco rápido" e pasaban "demasiado preto das persoas que nos estabamos manifestando".