Malestar entre o persoal de Príncipe Felipe pola "actitude" de Carmela Silva

Pontevedra
20 de abril 2020

As seccións sindicais de CIG e CCOO critican que a presidenta "desatendeu en todo momento" as peticións realizadas polos traballadores para que se lles facilitasen os medios necesarios para a prevención do contaxio do virus, pois non se lle facilitaron nin máscaras nin batas nin lentes

 Comité de Seguimento específico de Príncipe Felipe
Comité de Seguimento específico de Príncipe Felipe / Deputación Pontevedra

As seccións sindicais de CIG e CCOO na Deputación de Pontevedra denunciaron publicamente a "actitude" da presidenta provincial, Carmela Silva, e do deputado de Réxime Interior, Carlos López Font, en relación coas actuacións levadas a cabo na Cidade Infantil Príncipe Felipe desde que o Goberno decretou o estado de alarma polo coronavirus.

Na súa opinión, a presidenta "desatendeu en todo momento" as peticións realizadas polos traballadores para que se lles facilitasen os medios necesarios para a prevención do contaxio do virus, pois non se lle facilitaron nin máscaras nin batas nin lentes. Mesmo aseguran que tentou enganar aos traballadores "dándolles máscaras realizadas con sabas que foran xa usadas, o que implicaba un risco superior a non utilizalas". 

As centrais sindicais denuncian unha "noticia falsa" da presidenta, que difundiu aos medios de comunicación que os protocolos de actuación para o caso de que algún menor sexa positivo na realización dun test se realizaron coa colaboración do persoal educativo, "o cal é unha mentira". Esta situación xera "un tremendo malestar" entre os traballadores do Príncipe Felipe debido a que se lle atribúe ao persoal educativo funcións do persoal sanitario e de recollida de residuos. 

"Calquera protocolo que se lle expoña ao persoal se se quere que funcione, e sexa efectivo, ten necesariamente que ter en conta que cada quen realice as funcións que lle son propias e para as que está preparado e capacitado", indican os sindicatos. 

CIG e CCOO falan de "mala xestión" do estado de alarma e critican que a presidencia da Deputación "non priorizou a protección do posible contaxio do virus" a menores e traballadores, senón que, "o que fixo foi unha utilización persoal e partidista dos menores e do persoal". Esta situación produciu un tremendo malestar na maioría dos traballadores, que "se sentiu manipulado e esquecido nun caso tan grave como este". 

Entre outras cuestións, piden á presidencia que "deixe de mentir" e que as promesas que faga se cumpran, que protexa realmente aos menores e ao persoal de posibles contagios, achegándolle os medios de prevención homologados.