Durante os días 29 e 30 de outubro, o IES Sánchez Cantón de Pontevedra transformouse nun auténtico labirinto de medos, sustos e berros coa celebración do seu xa tradicional Túnel do Terror.
Organizado polos 40 alumnos de segundo curso do Ciclo Superior en Ensino e Animación Sociodeportiva (TSEAS), esta actividade forma parte do módulo "Tempo de Lecer".
Ao longo de dúas xornadas de mañá, máis de 600 alumnos do centro de 1º, 2º,3º e 4º da ESO tiveron a oportunidade de enfrontarse a un percorrido terrorífico de aproximadamente sete minutos.
Grupos de seis aventuráronse no mundo inquietante da Mansión Carson, decorado con motivos horribles e personaxes arrepiantes.
Diego, un dos alumnos participantes na organización, explica que "este ano o tema elixido é unha mansión encantada que pertence a un personaxe ficticio chamado Carson. Os alumnos atravesan diferentes salas, como un comedor, un corredor de armas e un cemiterio, onde en cada espazo se ofrece unha actuación distinta", detallou.
Josevi Cimadevila, profesor responsable da materia "Tempo de Lecer" e impulsor por sétimo ano consecutivo do Túnel do Terror, destaca a importancia desta tarefa escolar como parte do proceso formativo dos estudantes.
"Esta actividade permítelles preparar un evento real, tendo en conta aspectos como a temática, os materiais e a organización. Ensinámoslles a traballar en equipo e a coordinarse, algo que será esencial no seu futuro profesional", afirmou.
O Túnel do Terror percorreu distintas estancias da Mansión Carson, desde o seu cemiterio tenebroso ata as súas mazmorras inquietantes, cada unha deseñada para maximizar o medo dos participantes.
En cada punto do percorrido, un personaxe horrible apelaba aos estudantes que, entre berros e risas nerviosas corrían despavoridos.
"As luces, a música e a actuación dos alumnos crean un ambiente único", especificou Cimadevila, quen tamén recalcou a atención ao detalle en cada sala e o reto loxístico que representa mobilizar a preto de 650 alumnos en só dous días.
O Túnel do Terror do IES Sánchez Cantón non só proporcionou un espazo de diversión e sustos, senón que foi unha oportunidade valiosa para que os estudantes aprendan e apliquen habilidades que serán útiles no seu futuro profesional.