'Malabares ata cando?', unha campaña da Deputación para poñer o foco na corresponsabilidade e a igualdade no 8M

Pontevedra
27 de febreiro 2025
Actualizado: 14:30

Sandra Bastos avanza que a institución se vai tinguir de violeta "literal e simbólicamente" para facer pública a folla de ruta "para que todas as mulleres da provincia acaden o benestar"

Sandra Bastos e Alba Troiteiro presentan a campaña 'Malabares ata cando?'
Sandra Bastos e Alba Troiteiro presentan a campaña 'Malabares ata cando?' / Deputación de Pontevedra

'Malabares ata cando?'. Baixo este lema, a Deputación de Pontevedra propón unha vintena de actividades durante o mes de marzo na provincia para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. 

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, presentou a programación este xoves e destacou que este mes a Deputación vaise teñir de violeta "literal e simbólicamente" para facer público o seu "compromiso coa igualdade de xénero" e que será o eixo central e a "folla de ruta" do goberno provincial "para que todas as mulleres da provincia acaden o benestar en todos os ámbitos da vida".

Esta campaña pon o foco en que "as mulleres seguimos a ser as responsables dos coidados, e asumir esta mochila non é unha carga calquera: é unha porta aberta que nos convida a renunciar ás nosas carreiras profesionais e ao tempo que podemos dedicarnos a nós mesmas".

As mulleres seguen a ter que facer malabares para chegar a todo e por iso é polo que a Deputación se centrará na corresponsabilidade dos coidados. "Ata cando malabares para compaxinar as distintas facetas das nosas vidas, para escoller cal priorizar? Ata cando renunciar aos nosos intereses e ser xulgadas como malas nais se apostamos polas nosas carreiras?", sinala.

Sandra Bastos estivo acompañada pola ilustradora Alba Troiteiro, encargada da imaxe da campaña e responsable das actividades que se van realizar no centro penitenciario da Lama.

Alí farase un mural colaborativo coas internas do centro e un obradoiro de 'hula hoop' para "romper" co sesgo que ten o 'hula hoop' "como un elemento de construcción de xénero aplicado ás mulleres"

A imaxe da campaña está instalada no exterior do Pazo Provincial e na sede de Vigo e esa cor violeta da que fala Sandra Bastos iluminará desde este xoves ata o 10 de marzo os edificios oficiais da Deputación.

A programación comezará en marzo, pero xa este venres 28 de febreiro o pleno provincial lerá unha declaración institucional polo Día Internacional da Muller.

O acto central do 8M celebrarase o venres 7 de marzo e incluirá a lectura dun manifesto a cargo do Club Poio Fútbol Sala e a publicación das bases da segunda edición do concurso escolar 'E ti, que pensas da igualdade?'.

Durante este mes tamén se presentarán os materiais da campaña contra as agresións sexuais, que se estrearán esta fin de semana no punto violeta da Festa da Arribada de Baiona. 

A programación inclúe a posta en marcha da terceira antoloxía de podcasts 'Aquí faltan páxinas', finalistas do Premio Ondas Globais do Podcast.

Os días 14 e 15 de marzo celebrarase no Teatro Principal o foro 'As mulleres que opinan son perigosas'.

O día 25 de marzo celebrarase en Mos a Gala Cirqueiras, un evento multidisciplinar para escolares da provincia no que actuará unha selección das mellores artistas galegas das disciplinas circenses.

Tamen continuará a programación de obradoiros para alumnado entre Secundaria e FP do programa Ateneo pola Igualdade, a cargo de Priscila Retamozo, e que en marzo chegarán a centros de Moaña, Nigrán e Vigo.