Ás oito e media da tarde deste un de febreiro, a xornada lonxe de concluír, tomou un camiño que relataba así Maite Ramírez Baltuille, propietaria de La Moda Ideal: "acababamos de pechar. Estabamos a facer caixa e a persoa que traballa comigo acababa de irse. Vin que polo teito entraba algo de fume. Estrañoume e pensei: vexo mal, vexo mal; pero non, era fume. Entón chamei enseguida á persoa que traballa comigo, chamamos aos bombeiros e xa se vía o fume que entraba ao comercio polo patio".
Maite asegura que "os bombeiros tardaron moito, moito, e foron á Michelena que é onde empezou, no primeiro piso de Cuplé, a zapatería, e de alí transmitiuse, pero por aquí non veu ninguén. Foron tres cuartos de hora o que tardaron en vir os bombeiros, que igual non poderían facer nada e o resultado sería o mesmo, pero…"
Pero mira aos Soportais e lamenta: "con toda a mercadoría do entroido e do verán dentro". Volve mirar e sentenza rotunda: "empezarei noutro lado. A Moda Ideal vai seguir".
A Moda Ideal era un comercio de tecidos con 120 anos de antigüidade. Os pioneiros en 1896, Romeu e Bobillo, que introduciron ao tío avó de Maite Ramírez cando era un raparigo, para aprender o oficio. Cos anos, os socios separáronse e ao non ter descendentes, traspasáronllo en 1904. "Eu levo aí 42 anos e coidábao como a nena dos meus ollos, porque era a historia da miña familia", lembra. Antes foi a historia dun café concerto "o café Martín ou Méndez Núñez", onde din, chegou a haber un intento de crime pasional. Intrahistorias, retrincos que xorden en noites como esta.
Xunto a Maite, tamén segue os acontecementos Teresa Malvar. É a propietaria do estudo de fotografíaque albergaba o segundo piso do inmoble sinistrado. "Estaba en reparación, pero aí tiña un arquivo desde o ano 1980 en que abrín. Quedei sen nada" e mira tamén cara ás chamas. "Viña de ensaiar co coro e ao chegar chamáronme, sobre as nove menos vinte, avisando que estaba a arder Cuplé e xa vin correndo, pero non me deixaron pasar. Estaba aquilo xa sen control. Eu sempre que viña aquí tiña a auga cortada e a luz, nunca deixaba nada aceso porque é todo de madeira".
TESTEMUÑAS E CRÍTICAS DOS FEITOS
Os que pasan dos 30 anos lembraban nas últimas horas unha estampa similar á destas últimas. Daquela, os viandantes, curiosos, tamén eran máis nocturnos, era a madrugada do 18 de xuño de 1995 e o incendio produciuse na igrexa de San Francisco. Este un de febreiro, os pontevedreses daban as costas a ese edificio e móbil en man -imposible daquela-, alertaban e gravaban o que sucedía.
"Empezáronme a chegar wasaps dicindo que había lume na Ferrería. A min dixéronme que estaba a arder a zona vella". Curiosidade, airados comentarios e enfado, entre os que seguiron o suceso desde os primeiros indicios, unha pregunta común: a que se debeu a tardanza dos efectivos de bombeiros.
"Ás nove menos vinte cadroume pasar por alí e víase fume e cheirábase a queimado. A Policía chegou practicamente a esa hora. Sobre menos cuarto, o camión de bombeiros viña pola ponte. Ás nove tocoume volver pasar e xa estaba en chamas aquilo. A primeira mangueira non entrou na Ferrería ata pasadas as nove e vinte, que foron apupados e pitados pola xente", explica un das testemuñas do incendio. Queixas similares escóitanse entre outros cidadáns apostados na Ferrería: "tardaron máis de media hora ou tres cuartos. Nesa hora co fume que saía non había ningún bombeiro".
Noutro dos lugares onde tamén se congregaban os cidadáns tras o cordón policial, na praza da Peregrina, comentábase: "eu non sei a que hora chegaron os bombeiros, o que che podo dicir é que esta ambulancia que está na Peregrina non puido chegar antes porque viña para acceder pola Oliva e non puido polos pivotes que hai á altura de Correos; así que tivo que dar a volta e entrar por Peregrina".
E un último comentario, ao que os anos darán ou non a razón: "Eu vin porque ví fotos que me enviaron ao teléfono, e pensei: esta vai ser unha data que quedará para a historia de Pontevedra".