Até 3,57 millóns de euros prevé investir a Deputación de Pontevedra nun proxecto que está deseñado para modernizar as instalacións do complexo infantil Príncipe Felipe e mellorar a súa eficiencia enerxética. Esta actuación conta xa con licenza municipal.
Os traballos suporán actuar sobre o centro infantil, a escola infantil e as instalacións da Asociación Alba e teñen un prazo de execución de catorce meses.
O proxecto consiste principalmente na mellora da envolvente térmica do complexo, que pasará a ter fachada ventilada.
Ademais, substituirase toda a carpintaría exterior, reformaranse os accesos para que teñan unha maior accesibilidade e instalarase un novo sistema de iluminación led.
Esta intervención, segundo detalla o goberno provincial, contempla a revisión do sistema de evacuación de augas das cubertas e a impermeabilización dos patios interiores.
O obxectivo que persegue esta ambiciosa rehabilitación é reducir nun 50% tanto o consumo de enerxía non renovable como as emisións de CO2 á atmosfera.
A Deputación, que celebra a "axilidade" coa que o Concello outorgou esta licenza, asegura que seguirá traballando para avanzar nesta intervención á espera de lograr o financiamento preciso para poder acometela.
Tanto no caso de Príncipe Felipe como noutros, aseguran desde o executivo provincial, os seus servizos técnicos traballan coa "debida planificación" para obter as licenzas que permitan, chegado o momento, tramitar e executar os proxectos coa maior axilidade posible.
Subliñan que, desta maneira, buscan que non se repitan as circunstancias como o "risco" de perder fondos europeos na rehabilitación dos edificios centrais do Museo "por carecer dun proxecto minimamente maduro".