O pleno ordinario de Vilaboa abordará este luns 5 de agosto a contratación dun novo servizo de recollida dos residuos por un período de cinco anos.
O novo contrato suporá un paso adiante na aposta pola reciclaxe e a compostaxe no municipio e unha mellora importante na calidade da recollida, xa que implica o incremento da frecuencia da retirada dos residuos, a renovación dos contedores e o compromiso de limpeza periódica dos mesmos.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, explica que se trata dun contrato "moi ambicioso" que "fará fronte a un servizo que necesitaba unha renovación integral, tanto dos colectores como das frecuencias de recollida e de limpeza". Dentro da aposta "firme" pola reciclaxe, aumentarán os puntos e os contedores nos que a poboación poderá depositar os envases lixeiros, cartón, etc.
A empresa que se faga co contrato asume a substitución de 330 colectores. Renovaranse os contedores verdes, a maioría nun estado de avanzado deterioro e tamén o equipamento relacionado coa reciclaxe.
O concelleiro de Medio Ambiente, Francisco Costa, asegura que en municipios rurais como Vilaboa "non ten sentido que os restos orgánicos vaian aos contedores" e por iso é polo que van seguir traballando na compostaxe individual para que eses restos volvan á terra en forma de abono.
O contrato tamén inclúe un anexo que recolle a posibilidade de instalación dun composteiro colectivo na zona do Toural, pois o actual Goberno local ten un proxecto global para Vilaboa que "pasa polo desenvolvemento do núcleo do Toural".
A recollida do lixo pasará a facerse de xeito semanal e ata dúas veces á semana nas zonas de máis densidade de poboación, tanto no orgánico como no resto dos residuos.
O Punto Verde Municipal do Cabalo tamén se potenciará a través do contrato, que inclúe a obriga para a empresa de asumir o custo laboral de dúas persoas que se encarguen da xestión dos restos de poda que alí se acumulan.
Cun contrato separado, Vilaboa regulará a recollida de residuos téxtiles a través dunha empresa especializada que utilice esta actividade para a inserción laboral de persoas vulnerables.