Máis persoal para traballar no mantemento das rúas en Soutomaior

Soutomaior
27 de xuño 2024

O goberno local anuncia que Soutomaior contará con persoal traballando na rúa durante todo o ano, despois de ampliar o cadro de persoal a máis de vinte persoas

Operarios realizando tarefas de limpeza
Operarios realizando tarefas de limpeza

O equipo de persoal de traballos de rúa nas categorías de albaneis, peóns forestais e persoal encargado de varrer ampliouse en Soutomaior para alcanzar unha cifra de máis de vinte traballadores realizando tarefas de mantemento e limpeza das vías municipais, eliminación de maleza, arranxos e varrido.

A través de fondos propios e de subvencións de diversas institucións incorporáronse oito peóns forestais, catro varredores e un albanel.

Con esta ampliación de persoal, o goberno local que lidera Manu Lourenzo busca ofrecer un mellor servizo á cidadanía do municipio.

Lembran que en setembro de 2023 só había tres persoas para realizar estes servizos.

As novas incorporacións manteranse no equipo de traballadores durante todo o presente ano de 2024 para garantir a eficiencia da prestación dos servizos básicos.

Manu Lourenzo reuníase este xoves cos novos traballadores da brigada de obras e agradecía o traballo realizado polos servizos municipais e polo equipo de goberno para acceder ás axudas que permiten a contratación do persoal.