Os máis pequenos demostran con debuxos a súa educación en seguridade viaria

Marín
24 de novembro 2024

Sete nenos e nenas de Pontevedra e Sanxenxo recibiron os premios que lograron na novena edición do concurso de debuxo sobre educación viaria convocado pola asociación Ponte a Conducir

Gañadores do noveno concurso de debuxo de Ponte a Conducir
Gañadores do noveno concurso de debuxo de Ponte a Conducir / Subdelegación do Goberno

A asociación Ponte a Conducir, en colaboración coa federación das asociacións de nais e pais de Pontevedra, entregou os premios da novena edición do concurso de debuxo sobre educación viaria. Foi nun acto celebrado no Museo Manuel Torres de Marín.

Nel participaron, entre outros, a alcaldesa de Marín, María Ramallo; a presidenta de Ponte a Conducir, Alba González; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o capitán de Tráfico da Garda Civil, Roberto Prado; ou o comisario da Policía Nacional, Juan José Díaz.

Os galardóns desta novena edición do concurso foron para Adina Penide Castro (Colexio Abrente, Sanxenxo) e Emilio Lage Sánchez (EEI Aios), que recibiron o primeiro e segundo premio, respectivamente, na categoría de educación infantil.

Sofía Señoráns Padín (CEP Campolongo, Pontevedra) foi a gañadora na categoría de primeiro e segundo de Primaria, Nora López Otero (CEIP Vilaverde, Pontevedra) en terceiro e cuarto de Primaria e Marco Lanchares Curra (CEIP Nantes, Sanxenxo) en quinto e sexto de Primaria.

Por último, Alma Camba González (CEIP Froebel, Pontevedra) recibiu o o premio de redes sociais e Sara Rubio Domínguez (CEIP Portonovo, Sanxenxo) o premio especial Help Flash.

Gañadores do noveno concurso de debuxo de Ponte a Conducir
Gañadores do noveno concurso de debuxo de Ponte a ConducirSubdelegación do Goberno

Na entrega de premios, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou que a educación viaria "é un investimento no futuro da sociedade".

Desde as aulas, afirmou Losada, non só se ensinan normas de tráfico, senón que "se inculcan valores esenciais como a responsabilidade, a prudencia e o respecto polos demais".

Promover a educación viaria entre o alumnado "non só reduce accidentes", sentenciou o subdelegado, porque fomenta cidadáns "máis conscientes e comprometidos co seu entorno", apostando deste xeito por unha sociedade "máis segura e solidaria".