Máis madeira! A Escola de Enxeñería Forestal quere ampliar a súa xiloteca

Pontevedra
06 de xaneiro 2019

A Escola de Enxeñaría Forestal reúne na súa xiloteca máis de 400 pezas de madeira de máis de 100 especies

Xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal
Xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal / Universidade de Vigo

No ano 2014 a Escola de Enxeñaría Forestal comezou a coleccionar madeiras e, a día de hoxe, xa atesouran 346 pezas de procedentes de 77 especies de frondosas e outras 95 pertencentes a 16 especies de coníferas. Esta xiloteca, recentemente inaugurada, ten un apartado de derivados da madeira, como taboleiros, laminados, madeira reconstituída, composites ou pavimentos, integrado por 36 pezas; unha sección centrada en derivados da madeira como estelas, briquetas, pélets, serradura, carbón vexetal ou labras, con 65 mostras; xunto cun apartado de pezas singulares integrado por seis pezas en cesión e 13 en propiedade, entre as que destacan tamén toras de carballo e nogueira de principios do pasado século.

Entre as pezas especiais atópase un anaco de piñeiro da Mata Nacional de Leiría, ou unha serie de 40 madeiras procedentes do departamento peruano de Ucayali doadas por tres estudantes da escola.

Entre os doantes tamén hai institucións como o Concello de Pontevedra, que doou as toras de madeira de tileiro e de cedro do Himalaia pertencentes a dúas árbores caídas no temporal de febreiro do pasado ano; como a Deputación de Pontevedra, que achegou unha rama de abeto español procedente do Castelo de Soutomaior, tamén hai recursos achegados pola Escola de Capataces e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, o Distrito Forestal de Pontevedra ou os servizos de xardinería da Universidade de Vigo. Doadores entre os que figura tamén a Western Heights High School de Nova Zelanda, que na visita que realizou en outubro ao centro achegou uns anacos de madeira de kauri, a considerada á árbore sagrada maorí.

E como non, tamén contribúen os docentes, persoal e alumnado da Universidade xunto con outra serie de particulares.

Agora hai que seguir crecendo para chegar a coleccións tan importantes como a da Universidade de Yale, con máis de 60.000 mostras, ou a xiloteca privada de Manuel Soler en Denia, Alacante, a de maior dimensión en España con máis de 4.000 mostras.