Máis 'lombos' para Ponte Caldelas: a Xunta instálaos na travesía de Caritel

Ponte Caldelas
02 de febreiro 2015

O obxectivo destes 'lombos' é obrigar os vehículos a que respecten os límites de velocidade establecidos nese núcleo de poboación, para garantir a seguridade vial dos vehículos e veciños da zona, especialmente unha vez ampliada e mellorada a estrada PO-255 entre Ponte Caldelas con Caritel

Bandas reductoras instaladas pola Xunta na travesía de Caritel
Bandas reductoras instaladas pola Xunta na travesía de Caritel / Concello de Ponte Caldelas

Despois de que o Concello de Ponte Caldelas -a petición da asociación de veciños- solicitase o pasado outono á Xunta de Galicia que mellorara a seguridade vial no tramo recto da travesía da estrada PO-255 ao seu paso por Caritel, o goberno galego atendeu esta demanda. A Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas instalou novas bandas redutoras de velocidade.

O obxectivo destes 'lombos' é obrigar os vehículos a que respecten os límites de velocidade establecidos nese núcleo de poboación, para garantir a seguridade vial dos vehículos e veciños da zona, especialmente unha vez ampliada e mellorada a estrada PO-255 entre Ponte Caldelas con Caritel, no enlace coa Lama e a parroquia de Forzáns.

Os veciños de Caritel trasladaran a petición ao alcalde nunha reunión na que lle expresaron a preocupación veciñal pola falta de seguridade vial existente nesta travesía debido ao exceso de velocidade no que incorren, con demasiada frecuencia, os condutores que a transitan. Ao coincidir cunha longa recta provoca que os condutores se despisten e superen a velocidade dos 50 quilómetros por hora fixados e sinalizados no devandito tramo.

Inicialmente, os veciños e o Concello de Ponte Caldelas pedían que se sobreelevasen os pasos de peóns existentes ou polo menos algún deles, o que provocaría a redución de velocidade dos vehículos que transitan por esta travesía.

A Xunta decidiu, por agora, instalar estas bandas redutoras de velocidade nunha zona para probar a súa eficiencia e no seu caso estendela a outras zonas da travesía ou buscar outras fórmulas.