Máis espazo para os peóns e menos para os coches na nova Rúa Alameda

A Lama
15 de xaneiro 2025
Actualizado: 16:20

Habilitouse unha plataforma única, trocando as beirarrúas estreitas e o predominio dos vehículos a motor por un espazo con zonas verdes, mobiliario e beirarrúas máis amplas con prioridade para o peón

Inauguración da renovada Rúa Alameda, na Lama
Inauguración da renovada Rúa Alameda, na Lama / Deputación de Pontevedra - Rafa Estévez

A Lama avanza na transformación do seu casco urbano. O último paso foi a humanización da Rúa Alameda, na que se atopan centros de actividade tan importantes como a casa consistorial ou o centro de saúde, e que xa loce a súa nova imaxe.

Foi un cambio que, segundo destacaron o alcalde, David Carrera, e o presidente da Deputación, Luis López, "dá protagonismo aos peóns e llo quita aos coches".

Así, esta actuación logrou transformar un lugar onde predominaba o asfalto para convertelo nun espazo "verde, integrador e seguro", subliñaron os dous dirixentes.

A obra supuxo un investimento duns 333.000 euros, financiados na súa totalidade polo goberno provincial a través do pograma PON2030 e do Plan Concellos.

Serviu para habilitar unha plataforma única, trocando as beirarrúas estreitas e o predominio dos vehículos a motor por un espazo con zonas verdes, mobiliario urbano e beirarrúas máis amplas onde o peón ten prioridade.

Inauguración da renovada Rúa Alameda, na Lama
Inauguración da renovada Rúa Alameda, na LamaDeputación de Pontevedra - Rafa Estévez

Ademais, creouse unha contorna favorable para o encontro entre persoas e a celebración de eventos sociais e culturais no municipio.

López amosou a súa satisfacción polos froitos que está a dar a colaboración entre a Deputación e os concellos da provincia, que permite que os proxectos "pasen do papel ao terreo" e a execución de obras que transforman e modernizan os espazos urbanos

Os plans provinciais de investimento, avanzou o presidente provincial, especialmente o +Provincia ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, mobilizarán este ano na Lama un total de 675.000 euros.