"Máis droga que nunca, máis violencia e menos medios", alerta a Fundación Galega contra o Narcotráfico

Pontevedra
24 de xuño 2024

A entidade con sede en Vilagarcía e a gaditana Coordinadora Alternativas uniron as súas voces con ocasión do Día Internacional contra a Droga para destacar a importancia do momento actual na loita contra o narcotráfico e as adiccións

Fardos de droga intervidos polas forzas e corpos de seguridade
Fardos de droga intervidos polas forzas e corpos de seguridade / Policía Nacional

A Fundación Galega contra o Narcotráfico, con sede en Vilagarcía de Arousa, e a gaditana Coordinadora Alternativas uniron as súas voces con ocasión do Día Internacional contra a Droga para destacar a importancia do momento actual na loita contra o narcotráfico e as adiccións.

Nun comunicado conxunto estes colectivos aseguran que, a pesar dos numerosos esforzos e indiscutibles avances alcanzados historicamente na loita antidroga, "España vive actualmente unha situación excepcional e moi complexa".

Segundo explican, esta situación actual caracterízase "pola sobreabundancia de droga (que chega por terra, mar e aire) e incrementos exponenciais de violencia".

A isto engaden a "perda alarmante do principio de autoridade" e o "asentamento de numerosas organizacións criminais establecidas no país para traficar o seu veleno con destino a media Europa e tamén para branquear as sucias fortunas da droga".

Este escenario "sumamente preocupante" contrasta cunha "manifesta escaseza de medios para combater a ameaza e a escasa conciencia do perigo real que enfrontamos".

A xuízo destas organizacións cidadás, o tráfico de drogas "compromete de cheo o benestar, a saúde e a seguridade de todos" e advirten de que "ante esta ameaza necesitamos reaccionar de forma decidida, política e socialmente, tomando medidas que nos permitan reverter a situación e non soamente contela".

A Fundación Galega contra o Narcotráfico e Coordinadora Alternativas cren que "é necesaria unha reacción política" para "impulsar con decisión as necesarias e importantes medidas a tomar". 

Tamén consideran que "a reacción social é tamén imprescindible porque as drogodependencias tampouco suscitan a preocupación de outrora". 

Segundo estas entidades "o consumo de drogas está estendido, normalizado e banalizado" e lamentan que "para algunhas substancias o reproche social é moi baixo ou inexistente e a consecuencia é que se ao consumo dunha droga non se lle ve perigo, á súa venda tampouco". 

Por este motivo afirman que "hai que reactivar a sensibilidade da sociedade e o rexeitamento sen matices ao narcotráfico, dicir alto e claro que os narcos non son heroes, tan só miserables traficantes de veleno".

"Os narcos non son heroes, tan só miserables traficantes de veleno"

Algunhas das medidas "imprescindibles medidas" que propoñen son: dotar dos medios humanos e materiais necesarios ás Forzas de Seguridade e á Administración de Xustiza.

Tamén piden unha "lexislación adecuada" que facilite o traballo policial, penalice a reiteración no delito, reforce as medidas cautelares e permita a condena penal dos denominados petaqueros que abastecen de combustible as narcolanchas.

Ademais instan á adopción de medidas para "axilizar, reorganizar e reforzar a Xustiza" así como "melloras significativas na intervención e a xestión dos patrimonios confiscados" e a "aposta decidida pola prevención, a educación e a formación", xunto a políticas integrais e estímulos que axuden a miles de persoas a saír da marxinalidade e a exclusión social.