Máis de vinte maceiras, loureiros, sequoias, un buxo enorme, kiwis e ata un caqui, atopados na exploración botánica de Santa Clara

Pontevedra
01 de xuño 2022

Persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro realiza durante estes días un estudo sobre as plantas que permanecen no recinto e a súa localización, entre elas atoparon exemplares "de importancia" botánica e outros que deben retirarse. Tamén se está a analizar quimicamente o solo dos terreos

Strelitzia reginae (Ave do paraiso) no claustro de Santa Clara
Strelitzia reginae (Ave do paraiso) no claustro de Santa Clara /

Persoal especializado da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) analizan durante estes días as plantas do xardín do convento de Santa Clara coa intención de localizalas e identificalas para realizar un inventario botánico. Durante as primeiras observacións, segundo informan desde a Deputación de Pontevedra, foron detectadas varias árbores "de importancia", máis dunha ducia, e que se deben conservar polas súas características.

En cambio, tamén se observaron exemplares que se atopan en mal estado, que xa están mortos ou afectados por diferentes patoloxías. Nestes casos, desde a EFA recomendan a súa retirada tanto da zona do claustro como do sueste da leira, na zona coñecida como o "bosque".

Carmen Salinero, xefa da EFA, recoñece que o terreo ofrece unha gran variedade de plantas e árbores que creceron de maneira desorganizada. "Hai cousas moi curiosas", indica a responsable do estudo botánico ao indicar que as monxas, antigas propietarias do recinto, "pinchaban" todo o que a xente lle daba.

Entre as especies destacables atópase un buxo de cinco metros de altura; un loureiro de case seis metros; e algúns castiñeiros situados nas proximidades da muralla e na zona de "bosque". Ademais descubríronse catro sequoias de gran tamaño e os especialistas entenden que son irmás das que en 1992 chegaban ao Concello de Poio, con motivo do acto conmemorativo dos 500 anos da chegada de Colón a Amércica.

A estes exemplares súmanse dúas oliveiras, plantados nas proximidades da ermida situada no medio da leira. Tamén destacan numerosos froiteiros repartidos en diversas zonas da extensión, sobre todo, máis de vinte maceiras, limoeiros e laranxos, entre outros. Na EFA chamou tamén a atención a aparición dun caqui e de dúas camelias.

Nesta primeira análise sinalan que na zona do claustro preséntase unha maior mestura de plantacións. Segundo indican, a maioría permanecen en mal estado. Sobre todo destacan a presenza dun grupo de loureiros e un aligustre; unha peonia escondida baixo estas especies; un acivro variegado e unha strelitzia, coñecida como "ave do paraíso". Ademais obsérvanse roseiras, hortensias e azaleas.

Os viñedos son de variedade catalá. Durante estas xornadas están a marcarse os pés uno a un, numerando cada un para despois referencialos. Tamén se atoparon numerosas plantas de kiwi.

Desde a  EFA consideran que, de fronte ao futuro, é preciso acometer unha limpeza dos pés que se atopan en mal estado, apuntando a morte dalgúns exemplares. No bordo da muralla coa zona da rúa Santa Clara detectáronse dez tocos de castiñeiros, que foron cortados, aínda que se descoñecen os motivos desta talla.

Nestas exploracións realízase unha análise química do solo para determinar as zonas nas que se poderían dar mellor determinadas especies e comprobar as fórmulas para mellorar a fertilidade dos terreos con algún tratamento. Segundo lembran desde a  Deputación de Pontevedra, o vicepresidente provincial César Mosquera xa indicou que, en caso de incorporar o antigo conxunto relixioso ao Museo, a idea é que as instalacións se atopen abertas ao público coa intención de que o terreo sexa un espazo de lecer aberto a actividades. Nese caso estudaríase a posibilidade de realizar un proxecto para reordenar  vegetalmente este espazo.