Hai ganas de Feira Franca en toda a cidade. As solicitudes para participar na festa disparáronse, o que avanza que este ano, unha vez máis, haberá unha alta participación e implicación da veciñanza.
Tanto é así que superáronse con creces as cifras de 2022.
Houbo 183 peticións particulares para instalar mesas para poder comer e cear nas rúas e prazas do centro histórico, dez máis que o ano pasado.
A elas sumaranse as 129 solicitudes formuladas por locais de hostalería, que en 2022 foran dez menos; e os 120 postos que haberá en total para artesáns, fronte aos 89 da anterior edición.
A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludible para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todo o país e máis alá das nosas fronteiras.
É un peche apoteósico para a as Festas de Verán, que nos achega ao tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.
Está considerada pola Xunta de Galicia como festa de interese turístico galego desde o ano 2013.