Este mércores 28 de febreiro, entre as 10.30 e as 11.30 horas, o centro universitario da UNED en Monte Porreiro (Pontevedra) será escenario dunha conferencia sobre adiccións e riscos relacionados con internet.
Segundo indican desde a UNED, máis de medio milleiro de persoas seguirán presencialmente e tamén en liña, en directo ou en diferido, esta conferencia que correrá a cargo de Miguel Vaamonde García, inspector do Corpo Nacional de Policía; Antón Méndez González, oficial; e Olalla Ríos Tesouro, axente da Policía Nacional.
Víctor M. González Sánchez, director do Centro Asociado en Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, será o encargado de realizar a presentación.
A conferencia inclúese no Plan Director que desenvolve o Ministerio do Interior a través da Policía Nacional e da Garda Civil.
Rafael Cotelo Pazos, coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED, indica que se darán a coñecer os recursos policiais para previr a delincuencia e protexer ás vítimas no uso telemático. Tamén contribuirán a formar no respecto ás liberdades fundamentais e nos valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres.
Ao longo das intervencións tratarase o control do tempo en redes sociais, a protección da privacidade e as actividades delituosas máis frecuentes en redes.