Máis de 800 servizos estarán pendentes da organización do Dúatlon

Pontevedra
28 de maio 2014

Douscentos servizos da Policía Local, 16 da Garda Civil, 535 voluntarios, 40 auxiliares en ambulancias, tres médicos nun hospital de campaña, ademais dos servizos municipais de limpeza e de instalación de valados permanecerán activos durante toda a fin de semana

Operativo de tráfico durante o Mundial de Duatlón /
Primeiros atletas que se achegan ás instalacións da organización do Mundial de Dúatlon
Primeiros atletas que se achegan ás instalacións da organización do Mundial de Dúatlon

Ao longo desta mañá desenvolveuse unha reunión dos efectivos que estarán pendentes da seguridade durante a fin de semana con motivo da Copa do Mundo de Dúatlon, que se celebra en Pontevedra.

O intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, indicou que están plenamente satisfeitos coa resposta por parte dos cidadáns durante o plan de comunicación que está a chegar ao seu termo a través dun contacto directo cos hostaleiros e xerentes dos establecementos afectados polo circuíto: "Estamos a intentar minimizar con plans especiais ad hoc, repartos a domicilio por zonas afectadas e urxencias".

Douscentos servizos da Policía Local, 16 da Garda Civil, 535 voluntarios, 40 auxiliares en ambulancias, tres médicos nun hospital de campaña ademais dos servizos municipais de limpeza e de instalación de valos permanecerán activos durante toda a fin de semana. E a partir do xoves farase unha limpeza en profundida da calzada e das beirarrúas para retirar elementos e manchas que poidan influír nas probas.

O tramo máis afectado para o tráfico será o eixe norte sur dende a estrada de Santiago dende a autoestrada na zona norte. O sábado desbloquearán a metade da rotonda de Médico Ballina para que o tráfico que se traslade pola zona de Lérez poderá utilizala para dirixirse cara a Domingo Fontán.

O domingo será cando se peche o tramo cara a Barro e a Policía Local establecerá un desvío para poder entrar a través de Domingo Fontán, ponte da Barca e ponte das Correntes. O tráfico non poderá acceder ata o ámbito do Centro de Tecnificación Deportiva e os vehículos terán que desviarse cara a Marín, Fernández Ladreda e a rúa Estación para que poidan trasladarse ata a estrada de Ourense ou a estrada de Vigo.

Tamén se desenvolverá un plan de tráfico, segundo indicou Daniel Macenlle, para garantir a mobilidade peonil no cruzamento entre o Pavillón dos Deportes e a Ponte de Santiago. O tráfico será desviado por Alexandre Bóveda. Permitirase o aparcadoiro nesa zona tanto para o partido en Pasarón que se xoga ás 20 horas coma para o fin de festa co concerto da Orquestra Panorama.