A Ruta Montes e Praias celebrará este ano unha das súas edicións máis especiais. A andaina deportiva celebrarase o domingo, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con saída ás 09.00 horas da Alameda ou do Multiusos, no caso de mal tempo, onde se poderán recoller os últimos dorsais.
Tal e como xa se expuxera na presentación oficial da proba deportiva, o papel das mulleres na sociedade será o eixo vertebrador desta edición, que de novo terá un carácter solidario dado que recadará fondos para a AECC de Marín.
"Camiñando en igualdade contra o cancro" será o lema da andaina, elixido entre as diversas propostas enviadas polos participantes e que poderán levar de maneira individualizada nos seus dorsais. Con todas esas frases farase un gran photocall, que estará instalado na mesma Alameda.
Este venres o Concello acolleu unha rolda de prensa na que a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, estivo acompañada por José Francisco Gil, do Club Xesteiras e por Emilia Riparada, presidenta da AECC de Marín. Nela, Acuña asegurou que o intención desta edición é "superar o éxito da anterior". En total, hai máis de 700 persoas inscritas entre a andaina popular de 15 quilómetros e a ruta de 25, incluída esta última no Open de Andainas de 25 Km de Galicia.
NOVO ITINERARIO
Segundo explicou José Francisco Gil, de Xesteiras, esta edición terá como aliciente a variación do itinerario con respecto a outros anos. "Imos variar un pouco o trazado propio da Ruta de Montes e Praias, incluíndo algúns puntos que nos demandaba moito a xente como o Monte Pituco, o Lago Castiñeiras ou a zona das Fervenzas do Neibó, que seguro que lle descubrimos a moita xente".
A entrega de dorsais realizarase antes das 09.00 horas no Multiusos, debido á posibilidade de chuvia. Segundo estea o tempo, no mesmo día decidirase se a saída da andaina se mantén desde a Alameda ou se fai directamente do Multiusos, "o cal non supón ningún problema porque este punto xa formaba parte do traxecto".
Co obxectivo de mellorar e optimizar a organización, haberá posibilidade de recoller o dorsal este sábado, no palco da Alameda, de 10.00 ás 13.00 horas e na Biblioteca Municipal de 18.00 a 20.00 horas.