Máis de 7.000 pontevedreses visitaron os xardíns de Santa Clara durante a primeira fin de semana de portas abertas

Pontevedra
19 de decembro 2021

As ganas de poder coñecer o Convento de Santa Clara tras a súa adquisición por parte do Concello traduciuse esta fin de semana nunha afluencia constante de pontevedreses ao cenobio durante as dúas primeiras xornadas de portas abertas, nas que se podía visitar a zona exterior do recinto

Xornada de portas abertas aos xardíns do convento de Santa Clara
Xornada de portas abertas aos xardíns do convento de Santa Clara / Cristina Saiz

As dúas primeiras xornadas de portas abertas para coñecer os xardíns e zona exterior do Convento de Santa Clara resultaron todo un éxito.

Se durante o sábado foron 2.803 os visitantes ao recinto, o domingo a cifra mesmo se multiplicou cun regueiro constante de persoas desde as 10.00 horas da mañá ata o peche ás 18.00 horas.

Segundo a información que traslada o Concello de Pontevedra, este 20 de decembro contabilizáronse 4.250 visitas.

Desta forma ao longo de toda a fin de semana foron 7.053 os pontevedreses que quixeron coñecer de primeira man Santa Clara tras a súa recente adquisición como inmoble municipal.

Dado o éxito das xornadas, o goberno local pensa en repetilas tras as festas do Nadal. "Se vén bo tempo despois das festas abriríamos tamén algún día máis os xardíns, e a partir de aí iríanse facendo tamén visitas guiadas por dentro pero a esas hai que anotarse porque ten que ser un número máis reducido de xente", confirmou este sábado o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.