Unha comitiva composta por máis de 600 persoas pertencentes a dezaseis colectivos acompañarán ás súas maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar na Cabalgata que percorrerá o centro de Vilagarcía o venres pola tardiña para rematar en Ravella co tradicional saúdo e a ofrenda ao neno Xesús do belén vivinte.
Durante o desfile, os Magos lanzarán tres toneladas de caramelos sen glute para adozar a xornada a todos os que acudan a recibilos e gozar do espectáculo.
Este ano desfilarán representacións das ANPAS Doutor Fleming, A Xunqueira-A Lomba e as dos colexios de Rubiáns, Rosalía de Castro, O Piñeiriño, Sagrada Familia, San Francisco e do Centro de Educación Especial. Ademais, participarán o club de Rugby Os Ingleses, a asociación cultural Nós e Os Remolóns de Sobradelo, O Noso Lar, a peña Escuadra Arlequinada e un grupo de Cornazo, ademais da Banda de Música de Vilagarcía e da agrupación de voluntarios de Protección Civil.
A Cabalgata comporase de seis carrozas, as tres nas que viaxan cada un dos Reis Magos cos seus paxes, e outras tres cos agasallos que custodiarán o resto dos paxes reais. Melchor, Gaspar e Baltasar irán protexidos pola escolta de centurións romanos e acompañados polos membros das asociacións que desfilarán a pé lucindo as coloridas e exóticas vestimentas das respectivas casas reais.
A estrela de Nadal do camión de Protección Civil guiará o desfile no que tamén volverá a participar o autobús histórico da empresa Cuíña, a bordo do cal irá o alumnado do Centro de Educación Especial. A animación musical correrá a cargo das panxoliñas da Banda de Música, e do son dos tambores da asociación Nós e da Escuadra Arlequinada.
PERCORRIDO
A Cabalgata partirá da Praza da II República e dirixirase pola avenida da Mariña cara a praza Doutor Carús para continuar por Alexandre Bóveda e Alejandro Cerecedo. Xirará cara Doutor Tourón para pasar pola Praza de España e seguir por Edelmiro Trillo e Padre Feijóo para rematar en Arapiles. Aí, os Reis Magos descenderán das carrozas para realizar o último tramo do percorrido a pé, atravesando polos Xardíns de Ravella, para acceder á plataforma instalada na Praza do Concello e saudar dende aí a todos e, a continuación, facer as súas ofrendas ao neno Xesús do belén vivinte.
Como é tradición en Vilagarcía, a festa rematará coa tradicional recepción no Salón Nobre do Concello, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán un a un aos nenos que desexen trasladarlles as súas peticións para a noite máis máxica do ano.