Máis de 50 persoas participaron nunha xornada sobre o turismo arqueolóxico

Umia
09 de outubro 2017

O parque arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro pechou a oferta formativa do ano 2017 coa celebración dunha xornada profesional de turismo arqueolóxico que contou coa presenza de profesionais e estudantes de diversos campos chegados de toda Galicia

Xornada profesional de Turismo Arqueolóxico
Xornada profesional de Turismo Arqueolóxico

O parque arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro pechou a oferta formativa do ano 2017 coa celebración dunha xornada profesional de turismo arqueolóxico que contou coa presenza de profesionais e estudantes de diversos campos chegados de toda Galicia: arqueólogos, técnicos de turismo e patrimonio, guías turísticos, empresarios de turismo, formadores, profesores, guías de museos e traballadores públicos.

Ramón Montes Barquín (coordinador técnico de Camiños da Arte Rupestre Prehistórico) e Jordi Tresserras Juan (director de Ibertur e do LABPATC da Universitat de Barcelona) explicaron o lugar que ocupa Galicia e España no desenvolvemento de produtos turísticos asociados aos recursos arqueolóxicos e a súa vinculación co turismo cultural.

Ramón Montes centrouse na arte rupestre, destacando o caso de Francia como paradigma, e proporcionou algunhas ferramentas metodolóxicas para mellorar a xestión destes espazos, destacando o papel do parque arqueolóxico da arte rupestre e Terras de Pontevedra en situarse como un espazo e destino de turismo arqueolóxico de calidade.

Jordi Tresserras explicou pola súa banda as razóns que levan a España a situarse nos últimos postos do turismo arqueolóxico e a continuación pasou a definir posibles oportunidades empresariais e mecanismos para solucionar este defecto, xa que o considera como un segmento dentro do turismo c ultural cun amplo espazo de crecemento en Galicia e España.

A continuación Felipe Criado Boado (profesor de Investigación do CSIC. Director do Incipit) profundou nas relacións entre a arqueoloxía e o turismo en Europa, apoiándose nos estudos e traballos realizados como investigador do Incipit-CSIC ao redor do impacto económico do turismo arqueolóxico, sendo o máis destacado o realizado precisamente para o Museo de Altamira.

E por último foi o momento de Pilar Fatás (directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira) para explicar como se pode traballar desde un centro de interpretación público o turismo arqueolóxico, explicando a importancia de articular diferentes liñas de colaboración coa comunidade local e axentes turísticos.

Arquivado en