O proceso de vacinación contra a covid-19 avanza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa avanzando. Máis de 5.500 persoas recibiron xa a pauta completa tras recibir as dúas doses de inmunización, segundo o Servizo Galego de Saúde.
Así o sinalou o coordinador de vacinación da área sanitaria, Juan Alberto Vázquez Vilar, que cifra en 23.000 o total de doses administradas.
En concreto, 17.500 destas doses son da vacina Pfizer, mentres que outras 5.500 son de AstraZeneca, que se comezou a usar co persoal docente e con menores de 55 anos.
Durante a pasada semana, Sanidade completou a vacinación coa primeira dose dos profesores dos centros educativos públicos, dos traballadores do servizo de axuda no fogar e dos axentes das policías nacional e autonómica.
Vázquez Vilar explica que ao longo deste #fin# de semana a área sanitaria está a inmunizar a grandes dependentes e comezaron a facelo tamén cos docentes de colexios concertados e privados.
Nos próximos días, engadiu o responsable de vacinación no seu balance, o proceso continuará cos colectivos educativos e co persoal de clínicas privadas e centros de menores. Ademais, en Atención Primaria seguirán poñendo a vacina a maiores de 80 anos.