Carta de Ence aos cidadáns de Pontevedra (I)
- O futuro da fábrica caracterizarase pola súa integración na paisaxe, o fin definitivo dos olores, así como por unha terceira depuradora en serie que lle permitirá mellorar aínda máis a calidade dos seus datos ambientais e reducir radicalmente o consumo de auga e o efluente.
- Ence acometerá novos e cuantiosos investimentos fundamentais para manter o peso da industria de transformación da madeira galega no mercado europeo.
- A empresa poñerá en marcha destacadas iniciativas de impulso á investigación, así como de contribución á mellora da calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra.
A decisión de denegar a prórroga da concesión da fábrica de Ence-Pontevedra supoñería o peche desta, dado que o seu traslado é totalmente inviable, o que tería un tremendo impacto na actividade económica de Pontevedra e de Galicia, e moi especialmente do seu sector forestal. Neste sentido, hai que recordar que os estudos de impacto económico demostran que preto de 5.100 postos de traballo dependen da continuidade da fábrica de Lourizán, moitos deles no monte galego.
Ence considera inxustificada a postura contra a actividade da fábrica dados os parámetros ambientais que presenta, datos que son totalmente contrastables e aos que se pode acceder de forma aberta a través de internet na dirección http://encepontevedra.com/. Estes datos testemuñan que a fábrica de Ence non afecta á calidade das augas da Ría de Pontevedra e que a súa actividade non é a causa dos problemas do marisqueo.
"Non ten sentido comparar a fábrica actual coa de fai 10, 15 ou 20 anos. En materia ambiental, pódese dicir que é moi distinta", explica Antonio Casal, Director da fábrica de Lourizán. "Hai dúas razóns fundamentais para esta aposta polo medio. Por unha parte, impórtanos moito, loxicamente, como a todos os veciños da bisbarra. Por outra, a excelencia ambiental é fundamental tamén hoxe en día a nivel comercial. A pasta de celulosa de Pontevedra véndese nos mercados europeos nos que hai clientes dispostos a pagar máis por un produto papeleiro totalmente libre de cloro e que foi fabricado de acordo aos estándares de sostibilidade máis esixentes. Non hai ninguén máis interesado que Ence en que teñamos unha Ría exemplar a nivel ambiental".
"Non hai ninguén máis interesado que Ence en que teñamos unha Ría exemplar a nivel ambiental"
Ao longo das próximas semanas, Ence informará en profundidade mediante cartas publicadas nos medios de comunicación sobre os distintos proxectos de mellora que se compromete a acometer na súa nova etapa que, de forma resumida, son os seguintes:
- Novo ciclo da auga: un importante investimento para ampliar as súas instalacións cunha terceira depuradora de auga aplicando as máis avanzadas tecnoloxías, que lle permitirá mellorar aínda máis a calidade dos seus efluentes, así como reutilizar a maior parte da auga que consume, reducindo radicalmente a súa captación de auga do Lérez e o volume do seu efluente líquido.
- Integración Paisaxística: un equipo de profesionais traballa xa no desenvolvemento do proxecto "Materia Propia" que resultou vencedor no Concurso a nivel de Ideas para a Integración Paisaxística da fábrica que se celebrou en 2013. O obxectivo é que a fábrica se integre na paisaxe e non inflúa na beleza do ámbito da Ría de Pontevedra.
- Fin dos olores: Ence Pontevedra reduciu dende 2010 en máis dun 98% o impacto oloroso da fábrica. O obxectivo é o Olor Cero, para o que a empresa prevé investir 8 millóns de euros. Ademais, prevé mellorar outros parámetros ambientais a través da redución de ruídos e os vapores de auga.
- Unha Ría limpa e exemplar: Ence é sensible aos problemas dos seus veciños e quere contribuír á súa solución, a pesar de non ser a causante. Por esta razón, a compañía quere achegar unha importante cantidade económica para a ampliación da Depuradora de Praceres (que non é a de Ence), para mellorar co problema de depuración das augas residuais da cidade de Pontevedra e bisbarra e que supoñerá unha importante contribución á actividade de marisqueo na Ría.
- Impulso á modernización e á investigación: Ence quere contribuír a que Pontevedra se sitúe á vangarda europea da industria verde. Para iso, creará e manterá un avanzado centro de I+D Forestal. Será un importante paso para modernizar a economía de Pontevedra e consolidar ao sector madeireiro como unha das pancas de crecemento da cidade e a bisbarra.
- Nuevo pacto social con el entorno: Novo pacto social co ámbito: Nos próximos meses Ence destinará o máis importante presuposto de axudas do sector privado para apoiar á cidadanía da bisbarra: bolsas, traballos en prácticas, apoio ao emprendemento, á investigación, loita contra a exclusión social. O compromiso da empresa é axudar a activar a bisbarra.
En definitiva, Ence ten previsto acometer nun futuro inmediato o máis importante plan de investimentos de Pontevedra, o que contribuirá ao mantemento e a creación de emprego. Así mesmo, abordará ambiciosos programas de apoio á investigación e de axudas sociais que consolidarán a empresa como referente en responsabilidade empresarial de Galicia.
Por todo iso, sería lamentable que o peche da fábrica de celulosa provocase unha irreparable perda de máis de 5.000 postos de traballo, así como a imposibilidade de acometer proxectos que traerán significativas oportunidades de modernización, emprego e calidade de vida para os pontevedreses.