A nova glorieta de acceso ás instalacións do Centro Príncipe Felipe cambia a dinámica de circulación dos condutores afeitos a percorrer a PO-532, de acceso a Montecelo. Esta gran rotonda, que contou cun orzamento de 417.435 euros, busca mellorar a seguridade viaria nesta zona, facilitando a entrada e saída diaria de centos de vehículos que asisten ao recinto educativo e social dependente da Deputación de Pontevedra.
O vicepresidente provincial César Mosquera, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e os deputados provinciais Eva Vilaverde, responsable do Centro, e Uxío Benítez inauguraban este xoves a obra. Trátase dunha rotonda que obriga a reducir a velocidade neste tramo a través de diversos dispositivos instalados na calzada, de forma que permiten un acceso peonil seguro ao recinto. "Había problemas de circulación e non había por onde pasar andando", sinalaba Vilaverde, que manifestou que esta obra dignifica a actividade que se desenvolve no Príncipe Felipe ao proporcionarlle luz e modernidade.
César Mosquera sinalaba que ata a construción da glorieta rexistrábase o paso de vehículos ante as instalacións a velocidades superiores a 70 quilómetros por hora. O vicepresidente provincial destacou o traballo desenvolto polo arquitecto Jesús Fole e polo xefe de obra, o enxeñeiro da Deputación, Jaime Ruibal.
Neste sentido, Mosquera destacou a presenza dunhas luminarias únicas que serán referente para outros espazos públicos. Trátase duns cilíndros verticais que evitan brazos e extensións invasivas, un prototipo único inspirado nos instalados na rúa Luís Rocafort de Sanxenxo. Ademais destacou a obra realizada na construción da caseta de control de acceso ás instalacións, que ofrece unha imaxe moderna e útil. O portal de entrada deseñado en forma curva tamén foi outro dos aspectos destacados polo político nacionalista.
Mosquera indicou tamén que está previsto que proximamente se aborde a mellora da estrada no seu tramo inferior para enlazar coa rolda este e tamén en dirección ao Hospital Montecelo.
Por último, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores destacaba a parte non visible da obra que se centra na instalación de canalizacións de servizos, con liñas de electricidade e telecomunicacións soterradas, recollida de pluviais, abastecemento e saneamento. Obras que, segundo sinalou, deste xeito non será necesario volver afrontar cando se realicen os accesos ao Gran Montecelo.