Máis de 40 xuntanzas de traballo integran a intensa axenda de Pontevedra en México

Pontevedra
11 de agosto 2017

Oito días estará en México a delegación pontevedresa que acudirá ao país azteca como parte da misión comercial que Pontevedra organizou ao país azteca. Será unha viaxe cunha intensa axenda de traballo, na que se programaron xa máis de 40 reunións con entidades públicas e privadas e con personalidades políticas, sociais e empresariais

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica / Mónica Patxot

Oito días estará en México a delegación pontevedresa que acudirá ao país azteca como parte da misión comercial que Pontevedra organizou ao país azteca. Será unha viaxe cunha intensa axenda de traballo, na que se programaron xa máis de 40 reunións con entidades públicas e privadas e con personalidades políticas, sociais e empresariais.

A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, desvelou os detalles dunha viaxe no que, reiterou, o Concello buscou que as dez empresas que acompañarán ao alcalde teñan unha axenda "importante" e que contribúan ao posicionamento "preferente" que alcanzou Pontevedra en México.

"Queremos establecer sinerxías comerciais e seguir posicionando a cidade a nivel internacional", explicou a edil do BNG, que engadiu que esta axenda non é froito dun traballo "fortuíto", senón dun "traballo previo" que se desenvolveu nos últimos meses.

Así, a delegación de Pontevedra aterrará en México DF ás catro da madrugada do próximo 23 de agosto e, apenas seis horas despois, acudirá á inauguración da feira Expopymes, que Gulías describiu como "unha das feiras máis relevantes do país", onde a Boa Vila e as empresas que lle acompañan terán unha caseta propia.

Nel os empresarios locais manterán contactos con compañías dos seus respectivos sectores e organizaranse diferentes actividades, entre elas unha conferencia de Miguel Anxo Fernández Lores sobre o modelo de cidade ou reunións do Concello con operadores de turismo locais. Serán, en total, tres días de feira.

O 25 de agosto, pola súa banda, está programado un encontro na Cineteca Nacional de México con diferentes directores e produtores cinematográficos mexicanos e unha conferencia no Centro Cultural de España en México, que dedicará unha xornada monográfica a Pontevedra para "achegarse á cidade e a toda a nosa programación de actividades".

O día pecharao un cóctel que organizará o chef pontevedrés Iñaki Bretal para pechar estes encontros empresariais e poder establecer "alianzas bilaterais de xeito informal", explicou Anabel Gulías. A este evento estarán convidados tamén personalidades galegas e pontevedresas que viven en México.

A ruta por diferentes estados mexicanos comezará o 26 de agosto. As primeiras paradas serán as localidades de Celaya, unha rexión moi importante para o sector agroalimentario, onde haberá reunións co alcalde da cidade e con representantes empresariais; e León, con encontros relacionados coa mobilidade e co fomento do comercio exterior.

Querétaro será o destino o 27 de agosto, onde tamén están previstas reunións coas autoridades locais e co tecido empresarial deste estado mexicano.

A recta final da viaxe está reservada aos compromisos do propio Concello. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, intervirá no Senado da república mexicana para explicar o modelo urbano de Pontevedra.

Será o 28 de agosto e, ao día seguinte, a conferencia será no Instituto Tecnolóxico Autónomo de México (ITAM), á que está previsto que asistan numerosas personalidades políticas e económicas do país.

Anabel Gulías explicou que, á volta de México, o Concello detallará o custo desta misión comercial, aínda que avanzou que todas as empresas que acoden pagaranse a súa propia viaxe. 

O Concello só asume o custo da asesoría técnica contratada para organizar a axenda, que custa uns 10.000 euros e a impresión do material promocional que se entregará nos contactos que se realicen. O alcalde, engadiu, vai convidado polas autoridades mexicanas e estará acompañado da propia Gulías e dun membro do gabinete da Alcaldía.

Arquivado en