Máis de 3.600 euros de recadación na andaina solidaria de Campo Lameiro

Campo Lameiro
22 de setembro 2024

Un total de 650 persoas, entre elas o presidente da Deputación, Luis López, tomaron parte nesta actividade deportiva non competitiva que percorreu os principais atractivos da capital da arte rupestre de Galicia

Participantes na terceira edición da andaina solidaria de Campo Lameiro
Participantes na terceira edición da andaina solidaria de Campo Lameiro /

A terceira edición da andaina solidaria organizada polo Concello de Campo Lameiro foi todo un éxito. Logrou reunir un total de 3.604 euros para Fundación Andrea.

Estes cartos procedían dos donativos e das 650 inscricións formalizadas polos participantes nesta proba deportiva non competitiva, que se desenvolveu este domingo sobre un percorrido longo de 24 quilómetros, outro de catorce quilómetros e un pequeño de oito quilómetros.

A Fundación Andrea é unha asociación que axuda aos nenos con enfermidades raras e de longa duración con moito tempo de hospitalización.

Despois da andaina, os participantes compartiron un aperitivo preparado polo comité organizador, coordinado por Mónica Arza, Cándido Carramal, Fernando Caldas, Jesús García e Paula Pazos, e gozaron dunha xornada de confraternidade e irmandamento.