Máis de 3.000 persoas seguiron este martes en Riomaior as diferentes actividades programadas polo Entroido de Cobres nos días fortes desta festa, nunha das edicións máis concurridas dos últimos anos e na que a forte afluencia de público agotou existencias nos postos de comida e mesmo facilitou á asociación cultural Cobres vender todos os artigos de merchandising creados para esta edición 2024.
Camisetas, suadeiras, imáns, botellas, chapas e vasos reutilizables forman parte dos artigos promocionais deseñados coa nova imaxe de marca do Entroido de Cobres que onte rexistraron unha excelente aceptación por parte do público.
Os catro días do Entroido de Cobres deixan tras de si cifras que reflexan o intenso traballo desenvolvido pola asociación cultural Cobres e o Concello de Vilaboa para promocionar unha festa que aspira a converterse na primeira de entroido na provincia de Pontevedra coa catalogación de Festa de Interese Turístico Nacional.
Unha web propia, un QR que facilitou a localización da comitiva de madamas e galáns no seu percorrido polos barrios e uns perfís en redes sociais con información en tempo real das actividades diarias facilitaron que esta edición do Entroido de Cobres despertara o interese da veciñanza da contorna.
Máis de 50.000 contas alcanzadas nos perfís de Facebook e Instagram e 1.500 impresións en Twitter (agora chamada X) son só unha mostra do seguimento que a cidadanía fixo da programación deste ano, na que tamén se ligou a oferta gastronómica e de aloxamento a estes catro días de festa; unha liña de traballo na que a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, quere seguir avanzando.
As cifras responden tamén a un traballo constante realizado pola asociación cultural Cobres e que conta co respaldo e implicación persoal das familias das máis de 70 madamas e galáns que conforman as parellas de baile, que nestes catro días recorreron a pé máis de 60 kilómetros retando ao mal tempo. Máis de 32 horas camiñando para cumprir o obxectivo de que as danzas de Cobres chegaran a cada barrio.
E antes de que comezaran os catro días de festa a organización non escatimou horas na elaboración de traxes, sombreiros, ensaios e moita promoción, xa que o Entroido de Cobres participa durante todo o ano en diferentes encontros programados para poñer en valor o noso patrimonio inmaterial. De feito, e tras un pequeno descanso, o Entroido de Cobres continuará cunha programación divulgativa que se extenderá durante todo o ano.