O centro de acollida de animais abandonados de Armenteira (CAAN) cumpre o seu primeiro ano e medio de vida. Desde entón, está a cumprir un servizo "magnífico" aos concellos da provincia, segundo o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Realizáronse xa más de 3.000 intervencións e, grazas á colaboración da xente, logrouse que uns 500 cans abandonados atopasen un novo fogar por medio da adopción.
Con medio cento de concellos adheridos, este centro supón un aforro de ata o 60% no custo do servizo que ata o momento pagaban os municipios por cada animal abandonado que recollían das súas rúas. Na actualidade, as instalacións da canceira acolle 600 animais que agardan por unha familia que os adopten.
O mantemento do CAAN supón un custo anual de 366.678,96 euros, dos cales os concellos aboan 150.229,20 euros (0,40 céntimos por habitante), mentres que os 216.449,76 euros restantes os achega a Deputación.
Louzán fixo fincapé na calidade do servizo, que está operativo as 24 horas durante os 365 días do ano e que inclúe a recollida dos animais no concello onde fosen localizados, o seu traslado ao centro de Armenteira, todos os coidados e atencións necesarias para garantir o seu benestar e, ademais, actuacións para a busca dos propietarios, tramitación de denuncias no caso de malos tratos e campañas de concienciación e sensibilización para unha tenza responsable.
Neste sentido, nos 18 meses de funcionamento, desenvolvéronse diversas actuacións para promover a adopción, a identificación dos animais e para sensibilizar contra os malos tratos e o abandono de animais. Así, distribuíuse material informativo nos concellos da provincia e desenvolvéronse actividades didácticas orientadas aos máis pequenos en centros escolares e campamentos.
Na actualidade estase a traballar nunha nova campaña de concienciación que incidirá na necesidade de identificar aos cans co correspondente microchip e na sensibilización dos máis pequenos en relación aos coidados e protección dos animais domésticos.