Ponte Caldelas sumouse esta fin de semana ás localidades galegas que xa se deixan levar pola tradición máis flamenca e celebran a súa particular Feira de Abril de Sevilla. Máis de 200 persoas sumáronse á primeira edición da Festa Sevillana da localidade.
A festa celebrouse este sábado ata ben entrada a madrugada coa participación dun público chegado de Ponte Caldelas, Pontevedra e, fundamentalmente, Vigo. Dado o éxito, o Concello xa anuncia que ten garantida a súa continuidade.
A Festa Sevillana naceu da inquedanza do grupo local 'Aires del Norte y Olé', que contactou coa Casa de Andalucía de Vigo para a súa organización. Xa o intentaran sen éxito o pasado mes de outubro, pero os incendios que asolaron Ponte Caldelas nesa época obrigaron ao seu aprazamento. Agora nade impediu que o aire flamenco e festivo invadira Ponte Caldelas.
A noite incluíu as actuacións do Coro Rociero, así como os grupos de baile Secretos del Sur e Alma Flamenca, que amenizaron a cea. Ao remate, o público participou nunha sesión de sevillanas ata ben pasadas as dúas da madrugada.
O alcalde, Andrés Díaz, foi o encargado de cortar a cinta inaugural e abrir a carpa instalada na Alameda. Nunha breve intervención agradeceu a presencia dos visitantes e destacou que Ponte Caldelas está sempre aberta e disposta a reforzar a súa promoción turística con todo tipo de eventos.
A presidenta da Casa de Andalucía de Vigo, Josefa Villar, subliñou a excelente organización, o bo ambiente e a disposición a seguir colaborando en próximas edicións.