O parque do Espiñeiro de Portonovo (4 e 5 de xuño) e a Praza de Pascual Veiga de Sanxenxo (11 e 12 de xuño) acollerán unha nova edición da exposición "Ollares na Rúa", unha mostra ao aire libre de máis de 2.500 fotos históricas do municipio.
Organizada pola asociación Ollares de Portonovo e o Concello de Sanxenxo, a mostra reúne fotos doadas por veciños nas que se poderán ver imaxes familiares, de paisaxes, de traballadores do mar, do servizo militar, de clubs deportivos ou de asociacións culturais.
Este arquivo fotográfico crece ano tras ano coa colaboración das persoas que visitan a exposición e traen as súas fotografías, que se escanean e devólvenselles ao momento.
Ademais, "Ollares na Rúa" é tamén o marco para homenaxear aos fotógrafos locais históricos que son os artífices de que hoxe en día podamos gozar destas imaxes.
En anos anteriores, homenaxeouse a Gerardo Torres de Foto Torres, e a Olimpio Piñeiro de Foto Olimpio, neste caso a título póstumo.
Este ano, o alcalde, Telmo Martín, entregará a cámara de ouro a outro fotógrafo histórico do municipio, Carlos Carballa, de Fotografía Studio 21.
Reportaxes como Portonovo nevado, os primeiros asfaltados de rúas ou numerosas actividades ao aire libre en parques e praias nos anos 70 e 80, ademais de moitas paisaxes e fotos de vodas e comuñóns, son algunhas das súas fotos máis icónicas.
A fin de semana de Ollares na Rúa en Portonovo terá como colofón a festa holi, na que xente de todas as idades lanzaranse eses pos de cores tan espectaculares, feitos con millo sen glute e que son inocuos para a saúde.