Máis de 2.000 persoas marchan contra Ence coa esperanza de que o peche sexa inmediato

Pontevedra
16 de xuño 2019
Actualizado: 18:33

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra reclama a anulación definitiva da prórroga concedida á fábrica ao entender que foi "ilegal". Os manifestantes concentráronse ante a factoría onde a empresa instalou unha furgoneta desde a que se emitía publicidade de Ence

Marcha contra Ence 2019 / PontevedraViva

A marcha contra Ence, unha cita anual da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), contou este ano con maior participación que nos anteriores. Segundo fontes policiais, máis de 2.000 persoas realizaron o percorrido desde as alamedas de Pontevedra e de Marín para concentrarse ante a fábrica pasteira. 

Nesta ocasión, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acudía acompañado de numerosos integrantes do goberno local como César Mosquera, Carme da Silva, Anabel Gulías, Carmen Fouces ou Demetrio Gómez, ademais do parlamentario nacionalista Luís Bará. Tamén se deron cita na marcha outros altos representantes políticos como a parlamentaria Patricia Vilán, do Partido Socialista, ou o deputado de En Marea na cámara autonómica, Antón Sánchez.

Antón Masa, presidente da APDR, afirmaba antes de iniciar a manifestación que a prórroga, concedida ata o ano 2073 polo goberno en funcións do Partido Popular, que presidía Mariano Rajoy, era ilegal, como entende que recoñecen Costas e a Avogacía do Estado ao achandarse na causa que se atopa exposta na Audiencia Nacional sobre a prórroga.

O representante do colectivo ecoloxista indica que ningunha instalación pode permanecer en terreos de dominio público por máis dun período de 75 anos cando poden ser trasladadas a outro espazo. Neste sentido, Antón Masa afirma que Ence pode instalarse noutro punto.

O presidente da APDR cre que é necesario recuperar a ría de Pontevedra para que sexa explotada de maneira "racional" para extraer recursos marisqueiros e pesqueiros, ademais de aproveitar as súas posibilidades turísticas. Neste sentido, Masa entende que será necesario sanear integralmente a ría e apostar por unha depuración eficaz e absoluta.

Ao mesmo tempo, reclamou da Xunta a aprobación dunha nova lei forestal para que os montes galegos non estean dedicados ao eucalipto e póidanse diversificar os seus usos.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, insistiu en que utilizarán todos os medios para lograr o traslado de Ence como a mobilización social, a presión nas institucións e os recursos xudiciais. Neste sentido, o rexedor pontevedrés lamentou que a empresa pasteira non estea polo labor de trasladar a factoría a outra zona. "Prefire gastar diñeiro en comprar vontades e presionar a opinión pública para que cambie de opinión", concluíu.

A APDR lembra que esta marcha é a primeira sen actividade en Elnosa e o que esperan é que o próximo ano xa non estea Ence en Lourizán. "Esta vai ser a última marcha na que haxa actividade de Celulosas en Lourizán", afirmaba Antón Masa, que foi o encargado de ler o manifesto ante as instalacións da factoría.

Alí, a empresa instalara unha furgoneta con megafonía pola que se emitía publicidade de Ence, unha acción que provocou os apupos dos manifestantes.

RESPOSTA DESDE ENCE

Pola súa parte, desde Ence emitíuse un comunicado na tarde deste domingo para sinalar que a marcha da asociación APDR non logrou superar a mobilización de preto de "20.000 persoas que congregou a manifestación a favor da permanencia da biofábrica de Lourizán" no mes de abril. Insiste en que a factoría cumpre de maneira rigorosa a máis esixente normativa ambiental, española e europea, e "non afecta de ningún xeito á calidade da auga da Ría de Pontevedra".

A compañía recalca tamén que non existe outro emprazamento viable nin económica nin tecnicamente en Galicia para recolocar a planta de Lourizán.