Máis de 2.000 alegacións de residentes en Amil e Campo Lameiro ao Polígono Eólico Zudreiro

Umia
21 de abril 2023

O proxecto deste polígono eólico contempla a instalación de cinco aeroxeradores, de 200 metros de altura, que se atoparían a 600 metros de núcleos de poboación, segundo alegan representantes de colectivos que se opoñen a esta proposta.

Representantes do Colectivo do Vento de Campo Lameiro e a plataforma Amil Sen Eólicos con alegacións ao parque eólico Zudreiro
Representantes do Colectivo do Vento de Campo Lameiro e a plataforma Amil Sen Eólicos con alegacións ao parque eólico Zudreiro / Lucas Andión

O Colectivo do Vento de Campo Lameiro e a plataforma Amil Sen Eólicos presentaban esta semana máis de 2.000 alegacións recollidas entre residentes de Moraña e Campo Lameiro contra o proxecto eólico Zudreiro.

Nos escritos alertan de que este polígono eólico contempla a contrucción de cinco aeroxeradores, de 200 metros de altura. Segundo expoñen, instalaríanse a menos de 600 metros dalgúns núcleos de poboación. Alertan de que a Unión Europea recoñece perigo para as persoas a menos de 2.000 metros de distancia destes aeroxeradores e sinalan que se debería obrigar ás empresas para aplicar a nova lei, máis restritiva, ás empresas que presentaron estes proxectos seguindo a anterior normativa.

Desde Amil Sen Eólicos consideran este proxecto "un escándalo" e entenden que cos polígonos eólicos de Anduriña e Acibal, coas súas liñas de evacuación e de alta tensión, quedaría rodeada a parroquia de Amil, en Moraña.

Sinalan que están a destruír mananciais, hábitats prioritarios e patrimonio cultural como petróglifos ao indicar que se trata dunha zona con gran concentración de gravados neolíticos. Indican tamén que o miradoiro do castro de Penalba tamén se vería afectado paisajísticamente polo proxecto Zudreiro.

Estes colectivos afirman que, ademais do dous mil asinas presentadas a través dos seus medios, teñen constancia de máis alegacións individuais, que se coñecerán cando se publique a Declaración de Impacto Ambiental da Xunta de Galicia. Agardan que se anule o proxecto e manteñen que "seguiremos loitando, pase o que pase e caia quen caia", manifestan veciños afectados.

Arquivado en