Máis de 150 docentes debaten en Pontevedra sobre a creación de espazos inclusivos nos centros educativos

Pontevedra
18 de xuño 2024

Este luns 17 de xuño celebrouse no Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra un evento multiplicador para clausurar o proxecto Erasmus+ KA220 DISAT, enfocado na creación de espazos inclusivos nos centros educativos do territorio da Unión Europea.

Clausura do proxecto Erasmus+ KA220 DISAT
Clausura do proxecto Erasmus+ KA220 DISAT

Este luns 17 de xuño celebrouse no Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra un evento multiplicador para clausurar o proxecto Erasmus+ KA220 DISAT, enfocado na creación de espazos inclusivos nos centros educativos do territorio da Unión Europea.

Máis de 150 docentes participaron nesta destacada xornada, onde profesorado de diferentes países compartiron experiencias e coñecementos sobre a xestión dos espazos escolares, o acceso do alumnado aos mesmos, a influencia das metodoloxías educativas e a imperiosa necesidade de garantir o acceso e a aprendizaxe a todas as persoas, en toda a súa diversidade, de xeito inclusivo.

Este encontro comezou cunha actuación musical dun cuarteto de corda a cargo do profesorado do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra. A continuación, o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, e a directora do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, Carmen Martínez Dapena, inauguraron oficialmente a xornada.

A primeira parte do evento contou coa presentación a cargo do coordinador Luis Miguel Velay Vivel da guía "Deseñando Espazos Inclusivos en Centros Educativos (DISAT)", que estará dispoñible na Aula Virtual do CFR de Pontevedra unha vez aprobada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), accesible a todas as persoas interesadas.

Seguidamente, Siro López, artista e escritor do libro Esencia, e especialista na creación de espazos educativos, ofreceu unha inspiradora charla sobre a importancia dos espazos inclusivos para a aprendizaxe e a creatividade.

Para culminar esta enriquecedora xornada, realizouse unha mesa redonda internacional na que participaron os centros educativos galegos socios do proxecto (CEE de Pontevedra, CEIP Plurilingüe As Covas-Meaño, IES A Basella de Vilanova de Arousa e o CIFP Montecelo) xunto cos socios europeos (Agrupamento de Escolas do Barreiro de Portugal, IC Carducci Gramsci de Italia, e Oz-De-Bir Ozel Egitim Uygulama Okulu 1. Kademe de Turquía).

Os participantes compartiron as súas experiencias e reflexionaron sobre o impacto do proxecto DISAT nos seus respectivos centros.

O evento concluirá o 19 de xuño cunha xornada presencial que poderá seguirse online a través de Webex e da conta de Instagram do CFR de Pontevedra. Esta sesión contará coa intervención de Sonia Vázquez Gómez coa conferencia titulada "Proxecto Erasmus+: un medio para internacionalizar o teu centro" e posteriormente a arquitecta Mariona Genís, quen falará sobre a "Transformación de espazos educativos en centros galegos".