Máis de 100 solicitudes para facer fogueiras no municipio durante a noite de San Xoán

Pontevedra
19 de xuño 2017

Catorce delas son urbanas e o resto están distribuídas en trece parroquias. Bombeiros e técnicos municipais revisarán todas as cacharelas na tarde e primeiras horas da noite do día 23 de xuño co fin de garantir a seguridade

Cacharela de San Xoán en Eduardo Pondal
Cacharela de San Xoán en Eduardo Pondal / Diego Torrado

O Concello recolleu 107 solicitudes no rexistro para realizar fogueiras durante a noite de San Xoán. Con todo, o Concello sinala que, atendendo á experiencia de anos anteriores, arderán máis debido a que moitos organizadores presentan a solicitude fóra de prazo, chegando a duplicar o número total. Este mesmo luns entregáronse 19 novas solicitudes.

Das presentadas en prazo, 14 son urbanas e 93 chegan de trece parroquias: 1 de Alba, 9 de Bora, 5 de Campañó, 2 de Cerponzóns, 7 de Lérez, 10 de Lourizán, 13 de Marcón, 17 de Mourente, 13 de Salcedo, 3 de Tomeza, 6 de Verducido, 5 de Santo André de Xeve e 2 de Santa María de Xeve.

As urbanas estarán situadas en Médico Ballina, Conde de Bugallal, Valdecorvos, Pintor Laxeiro, Juan Bautista Andrade, Rúa da Torre, Rosalía de Castro (2), Pintor Urbano Lugrís, rúa Gándara, Otero Pedrayo, Entrevías, Mariscal Pardo de Cela e praza Europa.

As fogueiras teñen que cumprir cunha serie de esixencias: o lume terá que estar a máis de 15 metros de distancia de edificios e árbores, ademais o diámetro de cacharela non poderá superar os 4 metros e os dous de alto. Por outra banda está prohibido queimar pneumáticos, plásticos, materiais con PVC, aerosois ou sustancias explosivas. Tampouco se poderán lanzar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou calquera outra sustancia explosiva.

Os bombeiros e técnicos municipais inspeccionarán as fogueiras na tarde e primeiras horas da noite do 23 para comprobar que todo se atopa en orde e que o dispositivo especial de vixilancia e seguridade está axustado.

Arquivado en