Máis de 100 familias sumánse a unha actividade de reforestación de terreos afectados polos incendios

Ponte Caldelas
22 de abril 2018

Máis de 300 persoas, pertencentes a máis de 100 familias chegadas de toda Galicia, sumáronse este domingo á comida de Primavera de Ponte Caldelas. Antes os máis pequenos realizaron voluntariado ambiental nas marxes do río San Vicente eliminando especies exóticas invasoras e repoboando a zona 

Acción de voluntariado ambiental no regato de San Vicente
Acción de voluntariado ambiental no regato de San Vicente / Concello de Ponte Caldelas

Máis de 300 persoas, pertencentes a máis de 100 familias chegadas de toda Galicia, sumáronse este domingo á comida de Primavera de Ponte Caldelas, un acto que comezou cunha actuación de voluntariado ambiental e no que colaboraron a asociación CISV Galicia, o colectivo local ambientalista A Rente do Chan e o Concello de Ponte Caldelas.

A actividade previa tivo lugar nas marxes do río San Vicente, onde os nenos pasaron a mañá eliminando especies exóticas invasoras e repoboaron a zona, afectada polos incendios do pasado outono, con árbores apropiadas para este ecosistema: freixos, pradarios, espiños, cerdeiras e castiñeiros.

O día rematou cunha comida  que se celebrou no asador de El Chavo.

A asociación Children's International Summer Villages (CISv) é unha asociación  de voluntariado internacional de educación para a paz que basea as súas actividades en catro piares fundamentais: a diversidade, os dereitos humanos, a resolución de conflitos e o desenvolvemento sostible. Organiza todo tipo de accións de intercambio, con especial atención aos campamentos para a formación de amizades interculturais. 

O colectivo A Rente do Chan está formado por voluntarios locais que están traballando activamente coidando da paisaxe, buscando alternativas produtivas ao eucalipto.