Máis de 100 autocaravanas fixeron uso da área da Seca durante a Semana Santa

Poio
12 de abril 2021

O Concello destaca o bo comportamento dos usuarios, que se reflicte no feito de que non se tramitase ningunha denuncia durante os controis efectuados pola Policía Local. O corpo de seguridade contará cunha aplicación que fará máis eficaz o control dos tempos de estacionamento na zona

Control de autocaravanas
Control de autocaravanas / Concello de Poio

Máis de 100 autocaravanas fixeron uso da área habilitada para este tipo de vehículos na Seca durante os días festivos da Semana Santa. Estes son os cálculos que manexa a Policía Local de Poio, que tamén salienta o bo comportamento por parte dos usuarios, tanto á hora de facer uso dos espazos específicos para estes automóbiles como no que se refire ao cumprimento de cuestións como o límite máximo de estacionamento ou o respecto coa contorna.

Cómpre lembrar que o Concello de Poio permitiu durante esas datas o estacionamento temporal de autocaravanas no campo de billarda, situado nas proximidades da área.

Sumando esta parcela, que conta cunha extensión superior aos 1.500 metros cadrados, ás prazas habituais, existiu espazo suficiente para albergar a máis de 20 vehículos, que dispuñan dun máximo de 24 horas para estacionar.

Neste sentido, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, valora positivamente o funcionamento deste dispositivo e adianta que a intención é consolidalo durante os meses de xullo e agosto, en plena temporada estival. Ata entón, quedarán habilitadas as prazas habituais da área (sen contar a explanada) e o tempo máximo de estacionamento será de 72 horas.

A edil nacionalista destacou que "foron moitas as persoas que nos felicitaron por esta medida, toda vez que facilita a presenza dunha fórmula turística cada vez máis asentada en Galicia respectando, ao mesmo tempo, as prazas de aparcamento para turismo existentes na Seca para a veciñanza, turistas e os profesionais do sector do mar".

Ademais, Caldas Moreira adiantou que o corpo de seguridade pasará a contar proximamente cunha aplicación que facilitará este tipo de controis, xa que, a través da lectura das placas dos vehículos, poderase saber o tempo que permanecen estacionados na zona e para constatar se se moven ou non.

Con respecto á pasada fin de semana, as inspeccións e controis realizados pola Policía Local de Poio para velar polo cumprimento das restricións adoptadas pola Xunta de Galicia contra a expansión da Covid-19 non detectaron ningunha incidencia.