Máis de 1.200 escolares pasaron por O Ganapán do mercado desde febreiro

Pontevedra
16 de xuño 2017

O fin das visitas escolares do curso 2016-2017 non leva ao peche do Ganapán por vacacións. Haberá programación de verán e, neste tempo, as actividades xirarán arredor da alimentación. Os sábados será a quenda do Ganapán Gourmet. Durante os meses de xullo e agosto haberá obradoiros de cociña

Visita guiada do Ganapán para achegar os escolares ao mercado
Visita guiada do Ganapán para achegar os escolares ao mercado / Mónica Patxot

O espazo infantil da praza de abastos está a revelarse como un gran éxito. Máis de 1.200 escolares pasaron por O Ganapán, situado no primeiro andar do mercado, desde a súa apertura o pasado mes de agosto, segundo desvelou este venres a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.

A concelleira amosou a súa satisfacción pola receptividade acadada pola proposta de coñecer o mercado porque "para nós era bo que os rapaces coñeceran de primeira man os beneficios da merca de proximidade, que puxeran en valor de onde sae o peixe, onde sae a carne… intentarmos prestixiar, poñer no lugar que se merecen os sectores da nosa economía".

"É unha gozada traballar cos nenos e nenas e ver como descobren o mundo do mercado e como vai calando neles", engadiu.

Desde o pasado mes de febreiro, todos os venres -e desde maio xoves e venres, para poder atender todas as solicitudes recibidas- veñen ao mercado grupos de escolares de Educación Infantil e Primaria de todo o Concello.

A programación do Ganapán tamén interesou a escolas de fóra da cidade, coma o CEIP Martín Códax de Vigo, do que viñeron dous grupos de Educación Infantil.

Foron máis de 50 grupos os que participaron nunha actividade que consistiu en percorrer distintos postos da praza -de carne, peixe, marisco, flores, froita, ultramarinos- coa finalidade de coñecer tanto os produtos do mercado como establecer contacto directo cos praceiros. Ademais da venda, os nenos achéganse nestas visitas a todo o proceso dos alimentos, visitan a lonxa e as cámaras de conservación.

Despois da visita, xa no Ganapán, fixeron actividades de plástica creativa relacionadas coa visita, que remataban coa degustación dalgún produto vinculado co mercado.

O fin das visitas escolares do curso 2016-2017 non leva ao peche do Ganapán por vacacións. Haberá programación de verán e, neste tempo, as actividades xirarán arredor da alimentación. 

Os sábados será a quenda do Ganapán Gourmet. Durante os meses de xullo e agosto haberá obradoiros de cociña. Coa colaboración de Sabela Fariña, de La Artesa, desenvolveranse actividades de cociña e degustación gastronómica a partir dos produtos do mercado: carne, peixe, froitas, verduras, queixos ou embutidos.

Cada día os asistentes irán mercar directamente os produtos, cociñaranos e, por suposto, comeranos tras facelos. Patés vexetais, zumes, xeados, "smoothies", mini hamburguesas gourmet, sobremesas, petiscos variados, tacos mexicanos, ceviches, receitas con algas, mariñados e escabeches de peixe serán as propostas culinarias, un menú do máis variado para que proben e aprendan a cociñar a gran variedade de produtos que hai no mercado.

Os obradoiros están destinados a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos. Todos son de balde pero para asistir é necesario reservar praza en [email protected] ou no teléfono 604.024.645 (tamén por Whatsapp).