Un total de 1.154 persoas son as que están rexistradas para participar nunha nova edición da Pontevedrada, a marcha solidaria entre Pontevedra e Santiago que busca concienciar á cidadanía da importancia das doazóns de sangue, órganos e tecidos.
Nesta ocasión, os participantes partirán rumbo á Praza do Obradoiro, espazo emblemático da capital galega, o próximo sábado 27 de abril. Completarán os 67 quilómetros, a través do Camiño Portugués, que separan ese enclave da pontevedresa Praza de España.
A Pontevedrada, que chega este ano a súa décimo cuarta edición, foi presentada este venres polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Asociación de amig@s de la Pontevedrada (Asampo), Fran Pérez.
Este último destacou que a deste ano "no es una edición más", porque a organización contará dun desfibrilador que acompañará os participantes durante todo o traxecto por seguridade. "Esperemos no tener que usarlo, pero nos encontramos más seguros", subliñou Pérez.
Ademais, haberá máis apoio sanitario, pasando de dous a tres coches, e dous voluntarias ofrecerán a posibilidade de que os camiñantes fagan a tarxeta de doante.
O Concello colabora con esta andaina, segundo explicou o alcalde, ofrecendo un dispositivo que garanta a súa saída de Pontevedra e tamén co aluguer de dous autobuses nodriza para recoller a toda esa xente que por calquera motivo non poida continuar o traxecto e queira regresar a casa.
"É fundamental doar sangue, tecidos e órganos. Que sexamos un dos países que máis doantes ten é grazas ao traballo dos voluntarios como Asampo, que fomentan e visibilizan este tema", quixo destacar Fernández Lores durante esta presentación.