Máis da metade das obras do saneamento do rural pontevedrés xa están rematadas

Pontevedra
01 de outubro 2012

As actuacións entregadas constan dunha achega económica de máis de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia

Coa entrega das obras da rede de sumidoiros na parroquia de Berducido e Santo Andrés de Xeve, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas entregou xa o 60% das obras do saneamento do rural de ao Concello de Pontevedra. Segundo a Xunta de Galicia, tras esta recepción, será o goberno local o encargado da xestión destas infraestruturas hidráulicas. Estas dúas actuacións implicaron un investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

No caso das obras na parroquia de Berducido, estas tiñan por fin conseguir a adecuada condución das augas residuais vertidas ata a EDAR de Praceres. Anteriormente, existía un colector que tiña un recorrido de norte a sur que, tras varias conexións, conduce as augas á depuradora.

Por outro lado, a actuación na parroquia de Santo Andrés de Xeve permitiu dotar ao lugar de Sobral de instalacións hidráulicas para conducir as augas residuais á depuradora de Praceres. O trazado do saneamento percorre por diferentes lugares da parroquia como: Maunzo, Fragoso, Santa Luz, Filgueira e Sobral, o que implicou instalar case 3.000 metros de tubaxe.

As obras entregadas están enmarcadas no segundo convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Pontevedra para optimizar o sistema de saneamento deste concello nos seus núcleos rurais, "solucionando carencias en infraestruturas hidráulicas e proporcionando unha mellor calidade de vida aos cidadáns". Este acordo, destaca a Xunta nun comunicado, "significa un importante beneficio" para os máis de 80.000 habitantes do concello como para o medio natural e o entorno pontevedrés.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realiza unha achega económica de preto de 7 millóns de euros nas diferentes actuacións deste convenio.

A día de hoxe, un total de cinco actuacións xa foron entregadas ao Concello de Pontevedra. Son as obras nas redes de sumidoiros en Berducido, Santo Andrés de Xeve, Campañó, Bora e Santa María de Xeve. Queda pendente de adxudicación a rede de sumidoiros na parroquia de Lérez e as obras de instalación de sumidoiros nas zonas de Marcón e Pontesampaio.