Máis cartos para garantir o bo funcionamento do centro de acollida de animais da Armenteira

O Salnés
13 de xullo 2024

A Deputación de Pontevedra aprobou a modificación do encargo realizado a Tragastec para desenvolver o servizo de acollida e protección de animais abandonados que presta a través do CAAN

Animais á espera de adopción no CAAN
Animais á espera de adopción no CAAN / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou a modificación do encargo realizado a Tragastec para desenvolver o servizo de acollida e protección de animais abandonados que presta a través do CAAN.

O orzamento anual aumenta case 135.000 euros, ata chegar aos 847.451 euros, para poder ofrecer aos 52 concellos adheridos a esterilización de gatos procedentes das súas colonias felinas, unha das novidades deste ano.

O obxectivo é "ir un paso máis aló na prestación deste servizo, que todos os concellos deben prestar de maneira obrigatoria segundo a nova lei de benestar animal", explicou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez.

Tras iniciar o servizo detectáronse certas carencias que obrigan a modificar o acordo, engadindo novas competencias que supoñen dispoñer de máis medios humanos, "o que supón un gasto maior do que se tiña contemplado".

Desta maneira, as novas competencias incluíran o mapeo e censo de gatos do termo municipal e a execución do programa de capturas, esterilización e devolución dos animais pertencentes á colonia felina, aumentando en 400 o numero de gatos a esterilizar, pasando así dos 200 aos 600.

Por último, inclúe a posta en marcha dun programa sanitario da colonia que estea subscrito e supervisado por un profesional veterinario.